Otero Canto recibe o premio do certame literario por un libro que recolle a presenza de Lugo na súa obra
LUGO
O poeta e profesor Xosé Otero Canto, chairego da Ponte de Outeiro, gañou este ano o certame literario cuxos premios se entregan durante as festas da capital chairega. Onte, no auditorio, recibiu un premio que podería supoñer, falando en termos deportivos, unha medalla de ouro despois dunha de prata. O premio deste ano, acadado coa obra Atafegando o asfalto , chega despois do segundo do 2007, recibido tras presentar a obra Nesta silandeira cremalleira de auga .
Segundo explicaba onte, poucas horas antes de recibir o premio, é unha obra de carácter «totalmente urbano», lonxe do protagonismo que acadaba o Miño no libro do ano pasado. Escribir ese poemario, dicía, era «unha necesidade» pola sensación agradable que lle producen as cidades.
De alumno a profesor
A Lugo, onde vive e exerce como profesor de ensino secundario, chegou a comezos dos anos 60. Case medio século despois, a cidade vai con el: «Asúmoa como miña», afirmaba onte, pero recoñecendo tamén os vencellos que o unen con Zaragoza ou con Barcelona.
Lugo foi o descubrimento rúas longas ou farolas que estaban acesas de noite. Atrás quedaba o contacto cotián coa natureza ao que estaba afeito dos anos chairegos, e aínda que o impacto foi forte, a presenza urbana semellou entrar no seu interior para quedar alí: de feito, agarda a publicación doutro libro, que se titulará Guía práctica da Muralla de Lugo .