O alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, asinou onte con representantes da Consellería de Sanidade, co director provincial do Sergas en Lugo e co arquitecto e responsables da empresa adxudicataria a acta de inicio das obras de instalación do ascensor do Centro de saúde de Castro de Ribeiras de Lea, que a pesar de levar varios meses funcionando, non dispón aínda deste servizo.
Como lembrou onte o rexedor de Castro, no pasado mes de xullo a Xunta de Goberno local xa aprobara a concesión da licenza á Consellería de Sanidade para a instalación do ascensor, para a cal se fixou un prazo de dous meses, que empezan a contar a partir de hoxe, unha vez asinada a acta de inicio das obras entre as diferentes partes.
O Servizo Galego de Saúde ten previsto investir 86.708 euros en instalar o ascensor no centro médico de Castro de Ribeiras de Lea. Así se recollía xa no Diario Oficial de Galicia do 24 de marzo, no que ademais se fixaba un prazo de execución de tres meses.
Este centro médico entrou en funcionamento en febreiro deste ano, despois de levar máis de doce meses coas obras rematadas, pero sen que as instalacións estivesen operativas. Xa daquela se produciran queixas por parte de varios usuarios porque o centro carecía de ascensor e o único acceso que hai é a través dunha rampa que presenta certas dificultades para as persoas maiores.
A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, acudira a inaugurar oficialmente as instalacións en febreiro e anunciara a posta en marcha do proceso para dotar de ascensor a este centro de saúde, que agardaba ter cerrado ao finalizar este ano. Daquela o alcalde de Castro de Rei non quixera poñer prazos á consecución do servizo de ascensor para o novo centro, habida conta de que a súa instalación tiña que pasar por unha serie de fases e os prazos iniciais podían retrasarse ou non chegar a cumprirse.
O número de usuarios do centro médico de Castro de Ribeiras de Lea é de 4.000 aproximadamente. As instalacións ocuparon terreos do antigo campo de fútbol e no seu entorno está prevista a creación dunha grande praza pública. De feito, o proxecto deste centro incluía, ademais da eliminación de barreiras arquitectónicas, a creación de zonas axardinadas.