A Xunta premia o papel de Pardiñas como lugar de confraternidade

LUGO

31 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O festival de Pardiñas xa ten de maneira oficial o recoñecemento que milleiros de persoas lle levan dado e lle dan cada ano. O consello da Xunta acordou onte concederlle a declaración de Festa de interese turístico salientando a súa mistura de «elementos culturais, artísticos e deportivos» e o seu papel como espazo de «convivencia e confraternidade».

A proposta, acordada pola Consellería de Innovación e Industria, recolle o traballo do festival como unha iniciativa que estimula o espírito creativo de vangardas de comarcas e pobos e favorece a liberdade de expresión. O recoñecemento chégalle ao festival camiño dos 30 anos. Podía ser xa algo máis vello, pois a idea de organizar unha iniciativa desas características xa andaba na cabeza dun grupo de xente: houbo que agardar dous anos ata que a idea se deu convertido en realidade, pero aínda así non faltaban daquela -estábase en 1980- os que pensaban os que o proxecto sería só flor dun día.

Así lembraba onte as orixes Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos, asociación que asume a organización dende o comezo. A ilusión dos novos e o apoio dos medios de comunicación e de escritores -de Díaz Castro a Paco Martín pasando por Manuel María ou Avelino Pousa Antelo- serviu, segundo Blanco, para vencer suspicacias e para acadar o papel de foro no que os concertos comparten espazo coa entrega de premios dos certames de literatura e debuxo e coa feria de artesanía.

Pero o grande protagonismo, como tamén recoñecía Blanco, é o dos que asisten cada ano e comprenden o traballo da organización: «Vas a Vigo e a Ourense e a a xente agradécecho», dixo.