Ao redor de oitenta persoas asistiron onte ao monográfico sobre Cantos de Nadal promovido pola escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, Tradescola. Xosé Luis Rivas Cruz (Mini) e Baldomero Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), cofundadores de Fuxan os Ventos e fundadores de A Quenlla, foron os encargados de guiar a actividade, na que se amosaron as cantigas e tradicións propias do Nadal en Galicia. O repaso fixo referencia aos cantares de Nadal, aos cantares de Aninovo e aos cantares de Rei, entre outros.
Sabedoría do rural
Mini e Mero son mestres no rural, musicólogos, intérpretes e autores de libros como Contos de vellos para nenos ou Somos lenda viva , ademais de ser recolledores de música tradicional e da sabedoría popular da xente do rural galego. onte estiveron acompañados polo gaiteiro Raúl Galego, que formou parte dunhas trinta agrupacións folclóricas. A xornada tivo lugar no salón de actos do centro xuvenil Lug II.