Levar a tradición oral aos rapaces por medio de contacontos e actuacións é a finalidade da Semana da Oralidade que promove a concellería de Educación de Lugo. Onte foi o turno do IES Xoán Montes e do IES Politécnico, nos que actuaron a contadora de historias e narradora de romances Victoria Gullón e a actriz e contadora Inés Cuadrado .
Mentres, a Escola Politécnica Superior celebrou o Día Forestal Mundial, cun programa de actos no que colaborou o Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia. Inauguraron a xornada o vicerreitor Carlos Herrero Latorre , o director da EPS Javier Bueno Lema e o decano en Galicia do colexio de enxeñeiros de montes, Guillermo Acebal Lucia . Despois dunha conferencia sobre a profesión, que impartiu Gabriel Toval Hernández , procedeuse á entrega do Premio Bernardo de la Torre Rojas 2009. Nesta segunda edición recaeu en Laura Alberti González , polo seu traballo de fin de carreira, no que proxectou unha estrutura de madeira para o Museo da Balea en Cangas do Morrazo (Pontevedra).
Onde tiveron un día axitado foi en Maderne, no concello da Fonsagrada, que por primeira vez na historia recibiu a visita dun presidente da Deputación. José Ramón Gómez Besteiro desprazouse á localidade para supervisar obras que está a impulsar a institución para acondicionar viais, e reuniuse con veciños de parroquias. Estivo acompañado polo alcalde, Argelio Fernández Queipo .
E agora que a Semana Santa está a tiro de pedra, o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco , participou onte nas sétimas xornadas Occidente ante el siglo XXI, que desenvolve a xunta de confrarías de Lugo. Abordaron as incertezas e problemas do noso tempo. O prelado falou sobre a paixón de Cristo como revelación do amor de Deus nun acto que tivo lugar no salón de actos da Deputación lucense.