Recordos de tres sobriñas de Piñeiro

Carlos Vázquez

LUGO

Ángela, Carmen e Josefina lembran con cariño a figura do o seu tío, do que sinalan que foi todo un «santosabio e o gran consultor», con quen se podía contar para todo

17 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando non eran máis ca unhas cativas vivían nunha casa situada na rúa San Roque de Lugo, no número 48, enfronte da capela que leva o mesmo nome. Nesa vivenda -hoxe deshabitada e bastante deteriorada- foi onde Ramón Piñeiro López sentiu o afecto da súa familia de Lugo, encabezada pola súa irmá Pepita. «Antes tiña unha galería de madeira moi fermosa», explica Ángela sentada a carón da súa irmá Carmen e Josefina -que prefire ser chamada «Chicha»- no mesmo salón onde tantas veces, xa de maiores, compartiron longas conversas co seu tío. Na súa mente quedan lagoas e preguntas sen resposta, cuestións que din non fixeron antes e tampouco desexan realizar agora.

As tres irmáns -ademais de Pilar, que non quixo participar- son fillas de Josefa «Pepita» Piñeiro López, a irmá maior de Ramón Piñeiro que se veu a vivir a Lugo sendo unha nena e faleceu hai poucos anos. Viñéronse moi novas para Lugo pero ata ser unhas mozas pasaban o verán na parroquia da Armea (Láncara), onde naceu o intelectual galeguista. Traballaron como telefonistas e nesta reportaxe relatan as lembranzas que máis as unen á memoria do seu tío, homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas. Amósanse entusiasmadas anque sorprendidas polo repentino interese que está a espertar a figura do seu familiar e recoñecen que o que máis lles agrada é ver á xente nova tomando interese pola labor que fixo aquel.

«Meu tío foi un santosabio e na nosa casa non se facía nada sen contar primeiro con el», afirma Carmen, a segunda das sobriñas de Ramón. Chicha lembra que antes de dar o seu consentimento para casar, foi onda el a Santiago para obter a súa opinión. E Ángela explica que «Nunca dicía nin si nin non; sempre nos preguntaba: e ti que pensas?». «En Ramón, o non nunca ía por diante», apuntou a súa irmá Carmen.

De sempre consideraron a Piñeiro coma un máis da familia, «outro pai» afirmaron as tres. «Ramón viviu con nós e compartimos moitos momentos agradables; era un máis incluso cando xa estaba con Isabel», subliñou Ángela. «Nunca fomos seis, senón oito», asegurou Chicha e Carmen foi quen sentenciou concitando o parecer das súas irmáns: «Tiñámolo como un santo sabio e acudiamos a el para todo. Ramón foi o gran consultor».

Os recordos, as anécdotas sucédense nas tres sobriñas de Piñeiro, pero hai un suceso que lembran con especial nitidez, aquel no que o estudoso da saudade regresou aos brazos dos seus e puido pisar de novo terra galega. Corría o ano 1949. Malia o transcorrer longo dos anos, Carmen, Ángela e Chicha non esqueceron aínda o frío daquel día e a ledicia da súa nai, Pepita, ao saber daquela nova. «Recordo que a partires de entón cambioulle a cara como do día á noite, pois ata entón víaselle moi preocupada», afirmou Ángela.

«Para unha nena de oito anos había cousas inexplicables. Cando fixen a comuñón notei algo raro na miña nai; decateime de que non tiña ánimos nin para vestirme para a ocasión», reflexiona Carmen, engadindo decontado que non sabía o que pasaba porque daquela non se dicía nada, «non se podía», conclúe Carmen axiña secundada pola súa irmá Ángela para afirmar que na casa non se falou nunca de política. «Primeiro polo da Guerra Civil e despois polo de Ramón», apostila. «Co problema de meu tío, a cuestión política nin se tocaba. A miña mai nunca nos contou nada, seguramente porque tiña medo de que en calquera parte puideramos falar e comprometernos», explicou Ángela. «Do que lle aconteceu a Ramón, das cousas da guerra, do cárcere e de todo aquilo soubémolo despois de que el mesmo no lo contara, pero xa sendo nós maiores», aumentaron Carmen e Chicha.

Os cafés no bar Lugo

«Cando veu do cárcere -onde fora recluído por asuntos políticos-, Ramón non daba lido as cartas a no ser cunha lupa. E así e todo, só alcanzaba a ver os titulares», explica Ángela a quen, engade, tamén había que acompañar pola rúa. As súas sobriñas recordan que a miúdo foron con el ata o bar Lugo, non faltaba ás tertulias do hotel Méndez Núñez e tamén o acompañaron moitas veces ao Cantón bar.

Por fortuna, esa imposibilidade del deixou de ser tal despois de que Piñeiro fose sometido a unha operación e recobrara parte da vista que a dureza do cárcere estragara. «Nas cartas que nos mandaba, a fin de non preocupar máis á nosa mai, relataba que se atopaba ben pero xa nos deixaba entrever que padecía graves problemas de visión», lamenta Ángela.

Despois desa primeira etapa, logo de establecerse en Compostela, o galeguista volvería a Lugo con frecuencia. Din as súas sobriñas que nunca faltaba ás festas do San Froilán e tamén os visitaba durante o Nadal.