Noite poética con Yolanda Castaño

C. López

LUGO

A edición número 18 do certame literario A Pipa, de Becerreá, péchase hoxe cun recital da poetisa galega

27 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A escritora Yolanda Castaño será a encargada de pechar esta noite, a partires das 19.00 horas, a edición número 18 do certame literario A Pipa, que organiza o colectivo cultural do mesmo nome e que terá como escenario a Casa da Cultura de Becerreá.

A autora será a protagonista dunha noite poética na que, logo de ser entrevistada por Marta de Sinllán e Afonso Becerra, terá lugar a proxección dos vídeopoemas O vídeo da egoísta e (Re)ser(vado) de Yolanda Castaño, quen ofrecerá finalmente un recital de poemas seus.

Previamente a este encontro poético, celebrarase a cerimonia de entrega de premios do certame literario A Pipa 2009. O xurado, que emitiu o seu fallo o pasado mércores e que presidiu Alicia Chao Penela, estando composto ademais por Amparo Becerra Arrojo, Marta Rodríguez López e Afonso Becerra, acordou conceder os seguintes galardóns:

Primeiro premio para Ana Digón Caño, de San Pedro-Cervantes, polo texto titulado Filomena, Filomena, e segundo para Adrián Rodríguez Pardo, de Aucella, Cervantes, polo seu relato Un home moi especial. Os accésit foron para Carlota Yepes Pereira (Becerreá) por O escondite secreto; Sandra López López (Vilachambre-Baralla) por A pipa contacontos; Ana María Aira Seijo (Celeiró-Pedrafita do Cebreiro) por O xardín das letras; Miguel Ángel Alba Rodríguez (Santa Mariña-Cervantes) por O gato preguizoso; e Tania López Rodríguez (Vilarguite-Cervantes) por A nena con corazón de paxaro.

O poema titulado Como atopar a moza correspondente, de Jesús José Rodríguez Cedrón (Dumia-Cervantes) foi elixido gañador, sendo segundo Fruttys, de María del Carmen Fontal Maciñeiras (Pol-Baralla). Houbo tres accésit para Historia dun labrego, de Beatriz Rosón López (Vilardemouros-Cervantes); A gaita galega, escrito por Sandra Fernández García (Sobrado de Picato-Baralla); e A lúa e o sol, do que é autor David Rubianes Núñez (Penarrubia-Baralla)

O xurado declarou deserto o primeiro premio nesta categoría e tampouco concedeu accésit. Si outorgou o segundo premio a Xosé Luis Vázquez Somoza, de Guntín, polo seu texto O ballón de San Xoán.

O poema Axóuxeres de salitre, escrito por Rocío Leira Castro (Pereira-Cee-A Coruña) acadou o primeiro premio; mentres que o segundo foi parar a Xosé Otero Canto, de Lugo, co texto titulado Ecoando buguinas en apertas apreixadas (A xeito de liras en pentasílabos).

Os premios serán entregados pola propia Yolanda Castaño e polos representantes das institucións que colaboran coa asociación cultural A Pipa na organización deste certame e que son o Servizo de Xuventude e a Xefatura Provincial de Cultura da Xunta de Galicia, a Área de Cultura da Deputación Provincial e o Concello de Becerreá. Segundo estableceu o xurado desta décimo oitava edición, os galardóns deberán ser recollidos polos premiados ou por unha persoa que os represente no acto que se celebrará esta noite, ou no prazo máximo dun ano.