Tanto, tanto ruído e ao final...

Carlos Ferreiro

LUGO

27 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Polo que soubemos Toñito de Allariz, nome de guerra adxudicado por Baltar a Antonio Rodríguez Miranda, «sorprendeunos» co seu aparente gusto polo autostop. O golfiño -delfín en castelán- político Ourensán mudou a súa presunción de honradez por outra.

Polo que supoñemos, Baltar fillo filtrou a información en represalia polos servizos prestados por Rodríguez Miranda a Núñez Feijoo na loita aberta en Ourense. E o último capítulo desta entrega foi a filtración aos medios dun detallado estudio, agora, das políticas de persoal da Deputación de Ourense. E así, entre loitas internas e o esforzo por demonizar ao bipartito -ruído do pasado- pasóusenos o ano.

Achégase o primeiro de Marzo e logo do ruído dos coches oficiais, as sillas dos despachos e algunha que outra porcallada... que nos queda? Que sería vostede capaz de lembrar do feito polo goberno galego neste ano? os enfrontamentos por mor da lingua galega? Ruído malnacido.

Dúas cifras: 30.312 parados máis que no 2009 e 5000 pacientes máis nas listas de espera. Pero disto, como da miña lumbalxia, a culpa é de Zapatero. Semella que a Xunta non ten competencias en materia de emprego ou sanidade e se as ten, desde logo non as asume. Ruído mentireiro. Non gobernan, fan exclusivamente política e ruído, moito ruído.

Lonxe da prudencia política, o Partido Popular lucense, mira para outro lado e esíxelle ao concello, si, ao concello, que cree emprego. Pasaría por ser unha broma de mal gusto pero semella un guiño para importar o modelo da Deputación de Ourense do que soubemos, por exemplo, que conta nalgún edificio con 16 porteiros para tres portas. Demasiado ruído.

redac.lugo@lavoz.es