A editorial Galaxia presentou onte o libro «Luis Pimentel. Obra completa» en edición de Araceli Herrero
12 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O nome de Luis Pimentel volveu soar en Lugo con motivo da presentación -onte pola tarde, na galería Sargadelos- do libro Luis Pimentel. Obra completa, que saca a luz a editorial Galaxia, en edición da profesora luguesa María Araceli Herrero Figueroa.
Desde que esta catedrática de Didáctica da Lingua e da Literatura na Escola de Formación de Profesorado de Lugo presentara hai xa máis de trinta anos a súa tese sobre Pimentel, non deixou de estudar ao autor. Froito dese estudo é o libro que ve agora a luz e que pode considerarse, segundo Herrero, «a obra definitiva, agás que a dixitalización da prensa escrita achegue textos novos do autor». De non ser así, en Luis Pimentel. Obra completa inclúese toda a obra representativa deste poeta, aínda que non se lle deu cabida aos bocexos nin aos textos non rematados «porque este é un libro para o lector común, non para filólogos».
Como Araceli Herrero recoñece, a orixe deste libro está na tese de doutoramento que presentou no ano 1976 e na que recollía escritos inéditos e dispersos de Pimentel que lle facilitara a familia. O que fixo agora esta profesora foi ordenar todos eses escritos para a edición da obra completa de Luis Pimentel.
Coñecer ben a Pimentel
Para esta docente, o que se busca con este libro é «que se coñeza ben a Pimentel e que se lea todo o que el escribiu no seu conxunto». Revela ademais que nesta edición de Galaxia aparecen os textos das obras «auténticos e fiables, recollidos de xeito fidedigno», mesmo se dan varias versións en caso de existiren.
O interese de Herrero por Pimentel vén de lonxe. Chegou a coñecelo e a tratalo pola estreita relación que, como médico, este autor mantiña coma familia desta profesora. Co paso do tempo foi Carballo Calero o que a animou a estudar máis a fondo a Luis Pimentel e o que dirixiu primeiro a súa tesiña e logo a súa tese.
Herrero Figueroa ten moi claro que o que singulariza a Luis Pimentel é o feito de ser «o poeta de Lugo». Por iso, se tivese que recomendarllo a aquelas persoas que aínda non o coñezan diríalles simplemente que «é o que mellor traza as estampas desta cidade».
Tamén destaca esta profesora que estamos ante un escritor con obra en galego e en castelán, «un escritor hispánico moi vencellado á xeración do 27, en definitiva, a voz galega dos homes do 27».
Así pois, o descubrimento de Pimentel pode empezar por esta «exhaustiva» obra, pensada para o lector de a pé, e que moitos lucenses xa quixeron coñecer onte de primeira man no acto celebrado a última hora da tarde na galería Sargadelos coa presenza da responsable da edición, que estivo acompañada polo vicepresidente da editorial Galaxia, Benxamín Casal.