Unha ruta de sendeirismo de seis quilómetros recorda a figura do poeta Uxío Novononeyra no Courel

La Voz

LUGO

06 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Concello do Courel sinalizou unha ruta de sendeirismo dedicada a Uxío Novoneyra que una a aula da natureza de Moreda con Parada, a aldea natal do poeta que protagoniza o próximo Día das Letras Galegas. O itinerario, de seis quilómetros de lonxitude, aproveita un camiño tradicional entre ambas localidades que discorre polo monte Cido e foi balizado cunha serie de letreiros con fotografías e poemas de Novoneyra dedicados á serra courelá. A ruta, acondicionada coa axuda de persoal técnico da Consellería de Medio Rural, quedou oficialmente aberta cun percorrido que fixeron o pasado domingo varios membros do goberno municipal.

Por outro lado, o Concello editou un folleto coa descrición da ruta que foi enviado xa a diversos centros educativos. «Pensamos que a ruta é especialmente interesante para os centros escolares porque discorre por lugares que inspiraron poemas de Novoneyra e porque comeza na aula da natureza, un lugar de interese para coñecer a riqueza natural da serra», explica a alcaldesa Lola Castro.

Actos do 17 de maio

Por outro lado, o Concello está a colaborar coa Real Academia Galega (RAG) na organización dos actos oficiais do Día das Letras, que se celebrará no municipio por segunda vez en catro anos. No 2007, a RAG decidira tamén levar ao Courel os actos do 17 de maio dedicado á poeta María Mariño, que residiu no municipio grande parte da súa vida. O programa aínda non está ultimado, pero a alcaldesa adiantou que o acto principal comezará probablemente ás doce do mediodía no local multiusos de Seoane. A continuación desenvolveranse outras actividades no colexio público desta localidade, nas que tamén tomará parte o alumnado do centro. Así mesmo, o Concello colabora na organización da marcha en honor de Uxío Novoneyra que organizarán o domingo varias asociacións e que comezará ás once da mañá na antiga ferrería de Seoane.