«A cultura fluvial está máis perdida que a marítima»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE/LA VOZ.

LUGO

Un rianxeiro que pilota catamaráns no Miño estuda as tradicións dos ríos lucenses e do resto de Galicia

24 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Natural de Rianxo, Anxo Gómez Figueira traballa nos catamaráns turísticos do embarcadoiro de Los Robles, en Lugo. Posúe os títulos de patrón de pesca e cabotaxe e capitán de iate, entre outras titulacións relacionadas coas actividades náuticas. Desde hai anos está implicado en diversas iniciativas para a conservación da cultura tradicional marítima e fluvial de Galicia. O día 31 presentará na Festa do Río de Monforte un estudo sobre a cultura fluvial que rematará nos próximos meses e que pensa publicar baixo o título de Alén dos barqueiros .

-¿En qué consiste a súa investigación?

-En boa parte é un traballo historiográfico, é dicir, estou buscando e reunindo todos os documentos escritos ou gráficos que podo encontrar sobre as actividades tradicionais do mundo fluvial, sobre a xente que vivía do río, como din nesta provincia. E tamén fago investigación de campo, falando con xente que traballou neses oficios, como pescadores, barqueiros, carpinteiros de barcas...

-¿No seu estudo dedica moita atención á cultura fluvial da Ribeira Sacra e do resto da provincia?

-A zona que abarca este traballo é toda Galicia, ou para ser máis exactos, o territorio que vai do río Navia, en Asturias, ao río Lima, en Portugal, porque a cultura fluvial destas zonas limítrofes é moi semellante á de Galicia. Pero no estudo dedícolle moita atención a esta provincia. O Sil e o Ulla son as zonas que máis investiguei. Hai pouco estudei tamén a zona media do Miño, en lugares como Portomarín, Taboada e Paradela. Agora ando centrado no Miño alto e estoume documentando sobre a xente que pescaba area do río e que transportaba o gando en barcóns na zona de Rábade.

-¿En que estado de conservación está hoxe esta cultura tradicional?

-O que vexo eu é que a cultural fluvial está moito máis perdida que a marítima, e que desapareceu na súa maior parte en moi pouco tempo. Nos anos sesenta aínda había barqueiros en moitos sitios, por exemplo, pero hoxe non queda case nada de todo ese mundo que había nas beiras dos ríos. Os encoros teñen boa parte da culpa da desaparición desa cultura, pero paradoxalmente fixeron tamén que algunhas zonas que non eran moi de ribeira pasasen a ter un carácter máis fluvial.