Mans solidarias

Xesús Mato

LUGO

19 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Q

ue poden ser as súas. E as miñas. Todas elas entrelazadas coas dos membros (maioría anónimos) de Mans Unidas, que vén de acadar o Príncipe de Asturias á Concordia 2010. O seu importe (50.000 euros) vai a proxectos en marcha para reconstruír Haití.

Ante a evidente inxustiza que se está a vivir neste noso insolidario mundo e os aínda non resoltos problemas da fame (multiplicados pola crise económica e moral reinantes), resulta esperanzador este signo de solidariedade. É posible un mundo distinto e mellor.

Nun congreso de Teoloxía veñen de reafirmar o que todos sabemos e non facemos: que o home está chamado a coidar do mundo. Da Terra e dos seus habitantes, seus irmáns. Así o entenden miles de homes e mulleres, enrolados en oenegés ante a pasividade e a inercia dos que deberían telo feito: os gobernantes dos países ricos do primeiro mundo.

Mans Unidas naceu hai cincuenta anos a petición da FAO que non vía a maneira de amañar os graves problemas dos países pobres. Os resultados, milagrosos. A xestión impecable. O 96 por cento dos donativos/ingresos recaen directamente nas persoas e proxectos. Só o seis por cento para a xestión. Moito teñen que aprender as asociacións e fundacións que abondan no país.

Vaia a felicitación para o xeneroso, humilde e entregado voluntariado que, en todas as dioceses da Igrexa católica, está a transformar esta egoísta e atrofiada sociedade. O único camiño válido para salvármonos todos ten que chegar por aquí: pola solidariedade. Así o comprenden deportistas de elite que están a colaborar na campaña para erradicar a fame no mundo. Fan falta máis mans solidarias. As de todos e todas. Tamén as nosas.