Venceredes (pero non convenceredes)

Xulio Xiz

LUGO

30 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Onte, non puiden quitarme da cabeza a frase que o 12 de outubro de 1936 lle espetou Unamuno a Millán Astray no paraninfo de Salamanca: «Venceréis pero no convenceréis». Naquel caso había temas de fondo e forma. No voso, sindicalistas activos na folga do 29S, respectando o fondo, pérdenvos as formas. Non se convence ós traballadores autonómicos facendo pasillo para abuchear ós que, aínda de noite, iamos ó traballo. De feito, poucas veces vin tanta xente da Xunta, e eso que a rebaixa do soldo foi para os funcionarios.

Non se convence con horrísonos petardos, coa parca manifestación que saíu da Casa Sindical, ou forzando ó peche a negocios modestos que abrían as portas por necesidade e baixaron as reixas pola vosa coacción. A maioría dos letreiros de folga estaban pegados polo exterior dos cristais. Non fai falla ser Agatha Christie para saber quen os puxo. Non se convence pintando de vermello as cristaleiras dos bancos, botando silicona nas pechaduras, asustando á xente ou guerreando na batalla do Ceao. ¿Sabedes que moitas empresas pecharon por medo?

Nas enquisas, aparecen os políticos como un problema cando tiñan que ser solución. ¿Parástesvos a pensar por que cada día os sindicatos estades máis lonxe da xente? Se queredes que vaiamos á folga, convencédenos. Pacificamente. Podo ser o primeiro en ir á folga se me convencedes. Pero se non nos convencedes, non conseguides nada. Só cabrearnos. Vencidos pola razón da forza, temerosos da violencia verbal ou física, doídos? dicindo como Ortega cando a República non era o que agardaba: «No es eso, no es eso». Cun pouco de sorte, a próxima folga vaime coller xubilado. Con erguerme un pouco máis tarde, cando saia da casa xa estaredes celebrando o voso trunfo no primeiro bar que consigades abrir.