Presentouse onte na sala de xuntas da Deputación o primeiro Encontro de Corais de Lugo, que se celebrará baixo o nome de Voces na rúa, dende o 22 ata o 28 de novembro. Ao acto de presentación desta iniciativa asistiu, ademais de Antón Bao, Fernando G. Jácome, en representación das agrupacións Solo Voces, da coral do hospital Xeral de Lugo, de Cantar Delas e de Lugh; Xulio Xiz, en representación do Orfeón Lucense; Enrique Castro, en representación da coral polifónica Xolda; Angel Trabada, en representación do coro dos Amigos do Camiño de Santiago; Rogelio Lumbó, en representación da coral Novo Amencer do centro de maiores de Caixa Galicia, e do coro San Antonio; e José López Veiga, en representación do Orfeón Xoán Montes e da Schola Gregoriana Lucensis. Como explicou Antón Bao na súa intervención, Voces na rúa, é unha iniciativa da Área de Cultura da Deputación, que «pretende recoñecer e mostrar o traballo das corais e agrupacións lucenses ao tempo que se pon en valor a música coral, e se dá a coñecer á xente sacándoa á rúa». O evento celebrarase con varias actuacións dos grupos participantes en diversos puntos do casco histórico de Lugo, de xeito que dende o 22 ata o 28 de novembro, todos os lucenses que o desexen, e se acheguen aos itinerarios marcados no programa, poderán presenciar as actuacións das corais. Antón Bao lembrou que «dende a Área de Cultura traballamos para impulsar a cultura nas súas diferentes expresións e nesta ocasión, imos achegar a música coral ao público a través desta iniciativa novidosa, que se pon en marcha por primeira vez». É unha proposta na que os conxuntos corais van saír á rúa e alí, interpretarán parte do seu repertorio. Deste xeito, achegaranse ao público para presentar de unha maneira informal, unha mostra do que é a música vocal partindo de diferentes interpretacións, desde a máis clásica até a máis actual. Bao manifestou a súa certeza de que «a iniciativa será un grande éxito», e animou á cidadanía a participar dela. O domingo 28, para finalizar, celebrarase unha xuntanza no Círculo das Artes onde se darán cita todas as corais participantes no encontro.