Non hai moitos días, ao tempo que a prensa e os organismos internacionais recoñecían o traballo responsable do Goberno español, a editorial do diario alemán Suddeutsche Zetung recollía textualmente: «O Partido Popular faise insoportable pola súa política de obstrución, que denota unha total falta de patriotismo». Que se escoite isto fóra debe ser proba evidente de que os berros da bronca saen da casa, e iso non parece o mellor. Ben nos pinta que a editorial se escribise antes de que puideramos escoitar as declaracións do ideólogo e presidente de honra do PP, ademais de amigo de Gadafi, poñendo a parir a España nunha conferencia en Nueva York.
Esta é a diferenza entre aquel antolóxico «¿Por qué no te callas?» en defensa dun ex presidente español que estaba sendo acusado de fascista e un ex presidente español que especula coa solvencia dun país, o noso país. Entre os que agochan a cabeza coa escusa de non ter competencias e os que a sacan para tirar pedras contra o noso propio tellado xa é máis que unha evidencia que os populares non só non farán nada para loitar contra esta crise senón que tentarán aproveitala para facer de España outra Portugal.
Entre procesións e penitentes, Núñez Feijoo visitou A Fonsagrada e alí anunciou un «compromiso estable» para crear unha residencia para maiores. ¿Compromiso estable? ¿O mesmo compromiso estable que anunciara en Castro de Rei o 19 de xaneiro de 2009 cando dixo: «odo lo posible para que el centro rehabilitador San Rafael continúe en Castro»?