Nas previsións da Xunta de Galicia de ampliar as áreas protexidas non figura polo de agora a inclusión dos humedais da Terra Chá
04 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Co 29% do territorio protexido por Natura 2000, España é o país que máis achega a esta extensa rede de espazos naturais protexidos, creada para garantir a supervivencia das especies e hábitats máis valiosos e ameazados de Europa. En Galicia, o conxunto de espazos Rede Natura 2000 abarca unha superficie total de 389.565,9 hectáreas, das que 34.990,3 corresponden a medios mariños e 354.575,6 a medios terrestres.
A pesares de ser unha das áreas con maior diversidade biolóxica de toda Europa, a Comunidade Autónoma Galega está entre as que conta co menor número de espazos naturais protexidos incluídos na citada Rede, xa que os existentes representan unicamente o 12% da superficie galega.
Incrementar os LIC
A Rede Natura 2000 en Galicia está constituída por 59 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e 16 Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA). A Xunta leva varios meses traballando na ampliación dos espazos protexidos incluídos nesa rede. As pretensións do Goberno autonómico pasan por designar como LIC varias zonas máis da comunidade para cubrir as insuficiencias observadas. Como sinalou en días pasados o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón Millán, polo momento non está previsto incrementar o número de ZEPA, algo que queda pendente para un futuro, en función das peticións de asociacións, colectivos ou especialistas medioambientais. Tendo en conta que este é un proceso que se alonga no tempo, a consecución da declaración de zona de especial protección para as aves para a comarca de Terra Chá aínda terá que esperar.
Entre as entidades que levan anos demandando a declaración de ZEPA para a comarca de Terra Chá está a Sociedade Galega de Ornitoloxía, que xa no 2004 apuntaba que pese a non ser incluída no inventario de Áreas Importantes para as Aves (IBA), por falta de propostas, «a comarca chairega cumpre amplamente os criterios para a súa inclusión no citado inventario».
Tamén se referían dende esta sociedade a unha serie de especies ameazadas, que precisan en Galicia dunha atención prioritaria inmediata. Entre esas especies están, por exemplo, a avefría europea, para a que a Sociedade Galega de Ornitoloxía demandaba a creación dunha cadea de pequenas reservas en zonas de cría das comarcas de Terra Chá e A Limia, ou o zarapeto real, en relación co cal aseguraba esta sociedade que a chairega é a única área de cría regular actual en España, polo que tamén cumpriría crear pequenas reservas nesta comarca.
Os humedais da Chaira, con lagoas como as de Caque, Cospeito ou Riocaldo, que acollen importantes poboacións de aves acuáticas e que contan cun relevante valor ornitolóxico, constitúen outro valor a favor da declaración como ZEPA.
crónica a provincia lucense ante a ampliación de espazos protexidos