O venres, en Madrid, había tantos policías como manifestantes en Sol, onde os do 15M non puideron dar nin chío. E a miña habitación de hotel daba fronte a un edificio ministerial compartido -a aparencia era a mesma- coa central dun sindicato de ámbito estatal. Madrid -invadido por idiomas foráneos- era unha balsa de aceite onde nada denotaba que nos rodea a crise brutal que nos afoga. O ambiente madrileño baixo a choiva era do máis normal, case todos preparados para a ponte festiva.
Triste destino o do primeiro de maio, chamado a ser a gran festa do traballo, reivindicativa ou de disfrute, convertido na xornada final dunha ponte festiva, na que o que non se vai do lugar de residencia é porque non pode.
Semella que as autoridades competentes, ao facer festa oficial unha xornada, sacralizándoa, desactivasen o seu contido, despistando á cidadanía sobre o seu verdadeiro significado, convertendo unha explosión de entusiasmo laboral nunha festa «de gardar», na que a maior celebración é deixar de traballar. Hoxe non se traballa nin se reivindica, e por iso as reivindicacións da xornada fanse un par de días antes para hoxe poder descansar.
Pasou o mesmo co Día das Letras Galegas, que cumpre medio século, e ao convertelo en festivo obriga a trasladar a outros días as súas celebracións. Isto non pode ser inocente, e todos somos cómplices de que o lecer poida co traballo. Porque hai crise no corazón e na carteira, pero a vida segue arredor como se nada puidese afectala. Quizais non sexa malo tomalo así.