«O obxectivo é gobernar e non vou escatimar traballo e esforzo»

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Di que a herdanza de Cacharro non é negativa, pero «o seu proxecto xa rematou»

30 mar 2014 . Actualizado a las 06:59 h.

Será, salvo sorpresas, a primeira muller que compita, con posibilidades de conseguila, pola presidencia da Deputación. A avogada Elena Candia López (Mondoñedo, 1978) asumiu a portavocía do grupo provincial do PP no 2011 cando Xosé Manuel Barreiro foi designado pola súa organización para ser o seu voceiro no Senado. Le a alguén tan pouco identificado cos principios que defende o partido ao que pertence como é Almudena Grandes, e reivindica a figura política de Manuel Fraga, agora que tantos no PP prefiren situalo no museo do partido. O obxectivo do grupo que capitanea no pazo de San Marcos é claro: «Volver a gobernar esta institución». Nese camiño expresa o seu apoio aos alcaldes populares «porque a seca de colaboración da Deputación é moi radical». Opina que «é indiscutible que a Deputación foi mal utilizada» polo actual presidente, o socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro, ao que afea «o sectarismo no reparto dos cartos».

-¿Vese na presidencia da Deputación?

-Nós temos un obxectivo claro: volver a gobernar nesta institución. E non vou escatimar traballo e esforzo para dar a coñecer o que está pasando aquí e que é necesario cambiar. Eu sempre estou a disposición do meu partido e dos meus compañeiros. Quero deixar claro que agora aínda non é o momento de falar de persoas, senón de proxectos.

-Para a voceira e probable aspirante a dirixir a institución, a figura de Cacharro Pardo, tantos anos presidente polo seu partido, ¿é un referente ou un lastre?

-Cacharro foi un presidente que gobernou moitos anos, que tivo moitos acertos e seguramente tería algún erro. Aportou cousas positivas á provincia. Non creo que sexa posible facer paralelismos, porque incluso o momento económico e social é moi distinto. A democracia ten máis anos. Por certo, é un argumento moi pobre, e algo deben estar facendo mal para ter que recorrer a el, o dos que buscan supostos erros do anterior presidente popular pretendendo desvirtuar o traballo do actual grupo do PP. Cacharro desenvolveu un proxecto que xa tivo punto final. Non é alguén de quen avergoñarse nin unha herdanza negativa.

-A Operación Muralla...

-Mire, non debemos xudicializar á política; temos que conseguir que a xente nos vexa como a solución e non como o problema. E se alguén comete unha falta, que caia sobre el o peso da Xustiza. E o resto, o que ten vocación de servizo, ten que facer agora un esforzo. Por certo, hoxe temos un presidente da Deputación, o señor Besteiro, por cuxo patrimonio, polo menos por unha parte, tivo interese un xulgado.

-En síntese, ¿que perfil da xestión do goberno presidido por Gómez Besteiro merece a máis dura crítica do PP?

-Os cidadáns teñen que saber que si un municipio ten un alcalde do PP é como se non existise para a Deputación. Os alcaldes do Partido Popular levan anos mantendo servizos e asumindo as súas competencias sen apoio da institución provincial. Eses concellos reciben unha media de 15.000 euros ao ano; con iso non se garante ningún servizo. E ademais soportan intromisións en todos os ámbitos; a Deputación é probablemente a institución que máis vulnera a autonomía local. O goberno de Gómez Besteiro é un goberno moi condicionado polo pacto co Bloque; o máis criticable é o sectarismo no reparto dos cartos. Tamén hai que destacar a incapacidade do goberno para executar os grandes proxectos.

-¿Qué faría vostede coa TIC?

-É un asunto que hai que estudar a fondo; sería un atrevemento dicir agora que hai que prescindir dela. Agora ben, o que está claro é que o goberno provincial fixo da TIC unha axencia de comunicación ao servizo do presidente.

elena candia voceira do PP e posible aspirante á presidencia da deputación

«O máis criticable é o sectarismo no reparto dos cartos»