En Trasparga

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

24 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

osociólogo Xenaro Pérez ven de publicar o libro «Represión en Galicia durante la Guerra Civil. Vecinos acusados de rebelión militar», onde relata o ocorrido no Buriz en 1937, cando nove veciños foron sometidos a Consello de Guerra.

Xorde o problema cando, polo chamado «prato único», decretado polo Goberno para contribuír ao financiamento da Guerra, un día á semana só se podía comer un prato de comida e o importe do teórico segundo prato había que aportalo para a «gloriosa cruzada».

O entón Concello de Trasparga adxudicou á parroquia do Buriz unha cantidade que os veciños estimaron excesiva, reuníndose un cento deles para reclamar pola inxustiza do reparto. A reclamación foi estimada polo Concello por xusta, pero, por denuncia dalgúns veciños e do párroco, nove veciños foron acusados de rebelión militar, nun tempo no que iso podía ser causa de morte.

Grazas que outros veciños testemuñaron ao seu favor, e que os cregos da zona se pronunciaron a favor dos veciños, todo quedou nun susto tremendo, en varios meses de cárcere, e nunha situación de medo colectivo na parroquia que o tempo foi deixando esquecer.

77 anos despois, o autor ? fillo dun dos encausados- consegue o expediente da Causa seguida contra os veciños do Buriz e escribe a crónica dun feito que é exemplo claro da ignorancia que as xeracións posteriores tivemos de acontecementos que tanto influíron en como somos e como sentimos. Ler os grandes libros de historia, está moi ben. Pero sobre todo debemos ler estes pequenos grandes libros, que falan de xentes que coñecemos, de feitos que non nos deixaron coñecer, porque tamén aquí está a esencia da memoria histórica que temos que exercitar.