O 22 de decembro

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

17 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A o comezo do século, agardabamos un tempo rexido pola cordura, onde a paz estaría garantida polas institucións e porque os humanos, cultos e libres, nunca volveríamos atrás. Pero a ilusión rachouse un 11S co derrubamento das torres xemelgas de Nova Iorque, e logo coas secuelas en Madrid, Londres? e agora en París.

E o derrubamento da economía occidental, destrozounos moral e materialmente, crebando un xeito de vivir, e creando unha inseguridade social que tardará moito en desaparecer. E o terrorismo que parecía desaparecido, xunto cos brutais ataques económicos, resultaron e resultan ser seísmos que desbaratan estruturas sociais, económicas e políticas, sumándose a inseguridade ao medo. Todo está en cuestión, todo se tambalea. Con Cataluña ao fondo, por se non tiñamos abondo. E nesas andamos, coa dor de Francia no peito, con Cataluña ás voltas, rachando barallas sen estrealas, con litixios nas alturas xudiciais, de loita en loita ata un final que a Lei ten perfilado. E coa crise ás costas. Se a crise non fose, teríamos solución para case todo.

Pero como a economía está na UVI, con leves síntomas de recuperación, seguiremos soñando espertos agardando manás, xa que do soño da paz espertamos hai tempo.

Agora, agardamos polo 22 de decembro. Non o 20 (Eleccións) senón o 22, Sorteo da Lotería Nacional, que pode amáñalo (case) todo. Ou diso nos queren convencer. Porque as inquedanzas, a inseguridade, a dor, suponse que serían algo menores se o dedo da sorte ?o que nos queda- nos apunta xenerosamente. A ver se tamén temos colectivamente sorte o día 20. Falta nos fai.