«Hai un chamamento á unidade onde non sobra ninguén»

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Candia quere que os cargos remunerados, sexan goberno ou oposición, dean conta do seu traballo de xeito continuado

11 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Alcaldesa de Mondoñedo, voceira do seu partido na Deputación, da que foi breve presidenta, e, desde o pasado domingo, presidenta provincial do PP. Elena Candia (Mondoñedo, 1978), proxecta presentar o próximo venres o comité de dirección, o comité executivo e, quizais, tamén a xunta directiva do partido. «Hai un chamamento á unidade onde non sobra ninguén», di Candia cando se lle pregunta se a integración alcanza tamén a Raquel Arias, que foi a súa rival na carreira pola presidencia do PP de Lugo. Esta mindoniense de enerxía aparentemente inagotable, agora que o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, non acaba de aclarar que pretende facer no futuro, di: «Calquera decisión que tome será respectable. Por egoísmo localista, gustaríame que se quedara en Galicia».

-¿Que fixo estes días, despois de gañar no congreso provincial?

-O mesmo que facía antes, atendendo as miñas responsabilidades, e poñendo en marcha a organización do partido. E todo con sensación de agradecemento e a tranquilidade do amplo respaldo da militancia.

-Durante o proceso congresual houbo algunhas voces que parecían moi interesadas en xerar a sensación de que había enfrontamento no seo do partido...

-Se alguén fixo esa interpretación, hai que enmarcala dentro do contexto do pouco habituados que estamos a estes procesos; supoño que esa lectura é froito da inexperiencia neste tipo de procesos. Foi unha experiencia positiva, que hai que mirar de xeito construtivo.

-Foi o único congreso provincial do seu partido no que houbo dous (dúas) candidatos...

-Si. Todos moi respectables, pero foi o único congreso de verdade (ri).

-¿Como vai o da integración?

-Queremos que no proxecto se sume todo o mundo que queira facelo, como dixen no meu primeiro discurso. Non se entendería que non aceptaramos o que dixo a militancia.

-Esa invitación á integración, ¿alcanza tamén a Raquel Arias, que competiu con vostede pola presidencia?

-Hai un chamamento á unidade onde non sobra ninguén.

-¿Que ten previsto facer xa como presidenta do partido no ámbito provincial?

-Imos materializar un proxecto renovado en equipos, actitudes e procedementos. Teño prevista a visita a todas as agrupacións locais da provincia, empezando por aquelas nas que estamos na oposición no Concello. Teño previsto dar un protagonismo importante ás comisións sectoriais. Quero que permitan visualizar os verdadeiros problemas da xente. A idea é que cada responsable de comisión fixe os obxectivos para un marco temporal concreto, un semestre.

-¿Que ofrecerá o PP aos seus concelleiros alí onde están na oposición?

-Terán no partido un servizo xurídico e de comunicación.

-¿Que máis quere cambiar?

-Queremos que as persoas que teñen un cargo remunerado nas institucións, no goberno ou na oposición, teñan que render contas á militancia. Hai que establecer o procedemento a seguir para que volquen a información sobre o seu traballo, para que se visualice o seu traballo nas plataformas dixitais ás que acceden os militantes. Ademais dos encontros presenciais que se organicen para facer balance. Ten que haber una retroalimentación continua da información cargo-militante e militante-cargo. Incluso encontros participativos naqueles asuntos que máis preocupan á poboación. O principal obxectivo é que deixemos de falar de nós mesmos e falemos do que verdadeiramente preocupa á xente. E traballaremos para que se nos vexa como o partido que mellor coñece a situación da provincia.

-Barreiro, o seu predecesor no cargo, ¿asesora moito?

-Recorro a el cando o necesito. Tanto el como o que foi o seu equipo demóstranme a súa enteira colaboración.