Liberdade de expresión

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

A conteceu en Pontevedra que a Deputación, presidida pola socialista Carmela Silva non apoiou unha competición deportiva, polo que un concelleiro do PP de Moraña -concelleiro de Igualdade- chamou a través de Facebook «sinvergüenza» e «mala zorra» á presidenta, mentres que outro morañés a cualificou tamén en Facebook de «menuda furcia filla de puta». O concelleiro dimitiu días despois, e a Deputación denunciou os feitos no xulgado.

Sorprende coñecer que a xuíza competente en temas de xénero arquivou por segunda vez as dilixencias xudiciais por estimar que a cuestión queda dentro do dereito da liberdade de expresión, sendo a finalidade destes comentarios a de «poñer de manifesto a disconformidade» coa falta de apoio a unha competición deportiva, e que aínda que se trate dunha «linguaxe soez», os termos «non son inhabituais», e non son gravemente ofensivos, nin se teñen «transgredido os límites xenéricos da liberdade de expresión».

Segue o problema en pé porque tanto a Deputación como o fiscal pensan recorrer a resolución, pero para os cidadáns que cremos na xustiza e na liberdade de expresión, e coidamos coñecer os límites desta, arrepíanos pensar que alguén -unha muller que é xuíz- pode pensar que chamarlle a outra muller, presidenta dunha Deputación Provincial, «mala zorra» e «menuda furcia filla de puta» é algo normal, cando a min, aos meus anos, ata me da reparo escribilo nun xornal.

O que di unha xuíza hai que respectalo; neste caso, comprendelo é moi difícil.