Un libro recolle unha completa historia do cefalópodo na cidade dende finais do século XIX
06 oct 2017 . Actualizado a las 00:33 h.Logo de máis dun ano de traballo, dous investigadores lucenses teñen xa feita o que pode considerarse a biblia do polbo en Lugo. Será presentada mañá nun acto que terá lugar no vello cárcere. O Polbo no San Froilán de Lugo, é o título da obra preparada por Teresa Pena Moreda e Fernando Arribas Arias. En duascentas páxinas, os autores presentan una exhaustiva historia que abrangue desde finais do século pasado ata os tempos actuais.
Teresa Pena ocupa dende o ano 1994 o posto de directora da Biblioteca Municipal de Lugo. É licenciada en Xeografía e Historia e publicou varios libros sobre promoción turística e historia de cerámica. Tamén participou noutro libro sobre o San Froilán, neste caso sobre a publicidade das festas, os carteis e os programas desde 1877 a 2011.
Fernando Arribas Arias, é doutor pola USC, licenciado en Humanidades e profesor de EXB. É coautor de oito libros sobre cruceiros da provincia. Na actualidade está a catalogar os da Ribeira Sacara. Ten, asemade, publicada a historia do cine en Lugo e outro sobre o cinematógrafo nas festas de San Froilán.
Os dous autores aseguran que comezaron o estudio sobre o polbo porque non había ata o de agora un libro no que se recollese toda a historia relacionada con este manxar propio dos festexos patronais da cidade. Si había crónicas xornalísticas e referencias de autores nalgunhas publicacións, pero non estaban recollidas e polo tanto dispostas en conxunto para consulta xeral.
Agora o libro está xa preparado e a piques de ser distribuído. Calquera persoa, investigadora ou non, ten nas súas paxinas información abondosa e detallada, recollida logo de que os autores consultasen múltiples fontes e, sobre todo, pescudaran nas hemerotecas dos xornais.
«No libro -din os autores- logo da presentación que fai a concelleira de Cultura, Carmen Basadre, comezamos por contar as primeiras referencias ao polbo que aparecen na prensa lucense e galega. Contamos cousas sobre as polbeiras de finais de século, a localización dos seus postos, as polémicas que se teñen suscitado na cidade e tamén referimos aspectos sobre o condimento, preparación, pratos e acompañamento».
A publicación está estruturada por capítulos. «Pensamos que era o mellor xeito de distribución para que o lector tivese unha visión cronolóxica. Así, logo de falar sobre as primeiras referencias na prensa e outras historias xa nos metemos sobre o que foi polbo na Mosqueira coas casetas, a adxudicación de terreos e as polbeiras».
¿E dende cando hai referencias da existencia das vendedoras deste manxar na Mosqueira?. Os autores fan apontamentos na súa obra do período comprendido entre 1869 e 1940. Tamén contan Teresa Pena e Fernando Arribas que nalgún momento se instalaron polbeiras no que sería hoxe a Rúa de Santiago. As primeiras referencias que atoparon na prensa corresponden a mediados dos anos noventa do século XIX. Falan das condicións hixiénicas e das protestas que provocaba o cheiro do polbo na Mosqueira.
A investigación recolle que logo de 1940, os postos do polbo iniciaron un recorrido por varias zonas da cidade. Remataron finalmente no parque no que parece pode ser o seu asentamento definitivo polo menos por unha temporada, que pode ser máis ou menos longa, agás que nalgún momento o feiral desapareza do centro da cidade.