Marta Larralde e David Amor, nos campamentos urbanos da Deputación

LUGO

CESAR QUIAN

O cómico e actor estará o día 21 na Deputación, e a actriz no día 31

20 ago 2018 . Actualizado a las 12:53 h.

A deputada de Cultura, Pilar García Porto, avanzou que a actriz Marta Larralde e o cómico David Amor participarán en dúas clases enmarcada dentro das actividades gratuítas do Campamento de Teatro Urbano, que organizan Deputación e Concello. Esta iniciativa está tendo lugar no centro histórico da cidade durante este mes e participan nenos de entre 7 e 14 anos. Todas as actividades deste campamento realizaranse a través dunha metodoloxía lúdica, activa e participativa. As dúas charlas serán no salón de actos da Deputación, ata completar aforo. «As dúas clases mestras están abertas a todo o público en xeral, e calquera que desexe coñecer máis sobre a traxectoria profesional de David Amor e Marta Larralde, así como da súa experiencia persoal no mundo da interpretación, pode achegarse á Deputación os días 21 e 31 respectivamente», explicou a deputada.

David Amor, é un monologuista e actor pontevedrés, que actualmente colabora nun dos programas da televisión máis vistos, «Zapeando», de La Sexta, e que continúa interpretando ao personaxe de Tito en «Gym Tony», de Cuatro, unha serie que vai xa pola cuarta temporada.

Pola súa parte, a actriz Marta Larralde pechará os campamentos de teatro urbano o día 31 ás 19.00 horas (David Amor estará ás 12.30). Esta clase impartida pola viguesa será gratuíta e aberta ao público en xeral. A actriz interactuará cos nenos asistentes a través de diversos xogos e compartirá co público a súa experiencia persoal no mundo da interpretación, dando a coñecer máis profundamente a súa traxectoria profesional. Larralde protagonizou recentemente, na serie «Fariña», o papel de Nieves, a primeira esposa que tivo Sito Miñanco.

A deputada García Porto lembrou que «con este campamento de teatro gratuíto os participantes achéganse a esta actividade dunha forma lúdica e divertida entrando en contacto coas súas diferentes disciplinas a través de xogos e métodos pedagóxicos que contribúen á súa formación». Ademais, os asistentes intercalan probas con xogos e talleres como a caracterización de personaxes, probas de vestiario, mímica, improvisación teatral, así como a música e a danza.