«A primeira comuñón aínda é importante para moitos pais»

X.M.P. VILALBA / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Miguel Asorey, párroco de Meira, salienta que a celebración segue a conservar un fondo relixioso 

28 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira comuñón celébrase tras unhas preparación que se desenvolve ao longo de tres cursos. Segundo explica Miguel Asorey, párroco de Meira, o primeiro consiste nunha introdución, no segundo xa se entra en cuestións como a oración ou a figura de Xesús e no terceiro explícanse aspectos vencellados con sacramentos. O crego recoñece que a formación coa que os nenos chegan non é, polo xeral, tan ampla como a de hai décadas; porén, salienta a importancia da decisión que toman as familias cando elixen que os seus fillos reciban a comuñón.

 -Hai nestas celebracións, ademais doutras cousas, un fondo relixioso que leva a que os nenos celebren a comuñón?

-Si. Que hai outras cousas? Si. Pero hai un fondo relixioso na sociedade, que fai que os pais o queiran transmitir aos fillos.

-Cambiou a maneira en que se desenvolve hoxe a preparación dos nenos?

-Si. O catecismo de preguntas e respostas xa non é a base. Iso segue a ser importante, pero tamén se lles explica aos nenos o contido que hai detrás. Por iso se subliña a importancia da eucaristía.

-Hai hoxe na sociedade un fondo menos relixioso do que notaba hai décadas?

-Quizais. O contido relixioso está algo máis diluído, e os nenos chegan con menos formación. Pero os pais que comprenden o significado [da celebración] son totalmente heroes. A primeira comuñón é algo importante para eles e así o queren transmitir aos seus fillos.