A progresión das cifras do fenómeno peregrinatorio nos últimos anos é, cando menos, impactante. O turismo de calidade, no que o viaxeiro pretende experimentar unha auténtica vivencia dos lugares polos que vai pasando, medrou de xeito global e este é un dos factores que incidiron no incremento de peregrinos que chegan cada ano a Compostela. A viaxe foi, desde sempre, un dos grandes motivos literarios (pensemos, por exemplo, na Odisea), unha aventura, unha metáfora da vida que, como tránsito que discorre cara a un fin, se plasmou na súa expresión coma río ou coma camiño, presente en tantos poetas, e por iso é lóxico que a literatura non sexa allea á expansión do Camiño de Santiago.
Xestionarmos o volume de peregrinos de xeito que o valor da experiencia non se vexa
comprometido é un asunto importante, ao que se suma a necesidade de coidarmos os espazos polos que transita o propio Camiño. É evidente que o seu paso por Lugo ten pouca presenza na cidade. A raíz romana de Lugo e o seu interese arqueolóxico non son incompatibles con potenciarmos a faceta medieval implicada no Camiño Primitivo.
Un grupo de estudosos vén de sinalar os seus principais problemas ao seu paso pola nosa cidade: o feísmo dalgúns tramos, o desvío do trazado orixinal de Regueiro dos Hortos, igrexas que non poden visitarse porque están pechadas, fontes das que non abrolla a auga... Ccomo propón o Foro do Camiño, cómpre reconsiderarmos como se fixeron as cousas ao fixar o seu trazado e darlle atención ao patrimonio relacionado con el.