Deste verán ficarán na lembranza un feixe de imaxes e momentos, de fotografías e cunchas no fondo das bolsas da praia, e, de seguro, tamén o pouso dalgunhas lecturas.
Hai unha conexión moi particular entre verán e lectura que se fai sentir mesmo na prensa, que acolle nestes meses un espazo para a creación literaria. As praias déixannos estampas de libros baixo parasoles, agardando sobre as toallas. O verán é tamén un motivo literario recorrente en historias nas que acontece algo que fai que ese sexa o último verán da infancia, nas que se descobre o amor, ou que a vida é máis complexa do que pensabamos; veráns que o mudan todo e que son, como na obra de Tenneesse Williams que foi levada ao cinema cunha sublime Elizabeth Taylor, de súpeto, o último verán. Nun verán transcorre Bos días, tristeza, de Françoise Sagan, ou Cruceiro de verán, de Truman Capote. Tamén, demostrando que o máis radical e tráxico pode acontecer en verán, Agosto do 36, de Xosé Fernández Ferreiro, ou O sol do verán, de Carlos Casares.
En verán, din as estatísticas, é cando máis lemos e tamén, ao regreso, cando máis nos separamos. Creo que é porque a nosa vida se tece, sobre todo, de veráns, deses intres nos que todo se detén e nos que pensamos como continuar.
Hai persoas que enferman todos os veráns, quizais porque ese é un luxo que non poden permitirse noutra época. Aparentemente trivial e lixeiro, fóra do tempo e de canto importa, por iso mesmo deberiamos aprender a respectar a súa natureza subversiva, radical e poderosa. Non neguemos o que o verán nos trae.