Este mes de xullo estanse a disputar os Campionatos de España de Xadrez e na categoría sub-14 vén de proclamarse campión, con toda xustiza, un rapaz galego, Rubén Fernández López. Nesta, coma nas outras categorías xuvenís, houbo tamén unha destacada representación lucense, porque o rexurdir que este deporte está a experimentar nos últimos anos déixase sentir especialmente entre as novas xeracións de xogadores.
Aínda que logo foi esmorecendo paulatinamente, o xadrez tivo unha gran popularidade e unha presenza mediática importantísima coincidindo coa Guerra Fría, quizais porque nese momento tan interesante da historia o xogo de estratexia se converteu na perfecta metáfora da situación política do mundo.
Na actualidade, existe un debate sobre a conveniencia de incorporar esta materia nas escolas (en moitos colexios privados isto é xa un feito) e ninguén discute, entre outros moitos beneficios, a súa potenciación das capacidades executivas e a súa contribución apaliar os déficits de atención e atenuar os problemas asociados ao TDAH.
Á aparición de El rincón del ajedrez (que nalgún momento foi o programa deportivo con máis descargas na plataforma ivoox) sumouse a rodaxe de O caso Fischer e toda esta efervescencia da cuestión é, sen dúbida, síntoma dun renovado interese que cómpre celebrar cargados de esperanza e de ledicia.
Mágoa que a tradución do título da película non respectase o orixinal, O sacrificio do peón, porque a beleza deste xogo se manifesta tamén nos seus nomes. Máis alá do que fai referencia á notación das xogadas, que lle dá unha aura de álxebra matemática, o xadrez déixanos toda a forza poética da linguaxe que o acompaña desde as aperturas ata os mates. Pero o que a min máis me fascina deste fermoso xogo cruel e implacable é o feito de que, como a vida, está tecido de pequenas decisións, irreversibles, que acaban confluíndo nun final con nomes tan poéticos como O bico da morte.
Menos mal que temos a sorte de que no xadrez, a diferenza do que ocorre na vida real, sempre existe a oportunidade de comezar unha nova partida.