A chamada da natureza

LUGO

30 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Jack London quixo inverter o proceso de domesticación e buscar a natureza agochada nos instintos, fíxoo creando unha obra épica, protagonizada por un can que, a raíz da febre do ouro, se viu arrincado da vida cómoda na casa dun xuíz, entre o lume da cheminea e os xogos cos nenos, e desprazado ao Klondike, como resultado da necesidade de cans para tiraren

das zorras en Alaska.

Pois aquí preto, en Palas de Rei, máis dun século despois da publicación de The Call of the Wild, estase a revivir un episodio de asilvestramento que se traduce en fatos de cans que atacan o gando e causan o estarrecemento dos veciños. Como lembrarán, Buck remataba os seus días reintegrado nunha manda de lobos, desandando os pasos evolutivos da súa especie. Máis na novela de Jack London, á par de miserables, había personaxes cheos de humanidade: o xuíz, que non se desprendeu nin abandonou a Buck, senón que lle foi subtraído; os seus seguintes amos, que o obrigaban a arrastrar o correo por Alaska, pero que non carecían de sensibilidade e chegaron mesmo a fabricar unhas pezas de coiro para as súas poutas para lle axudar a afacerse á dureza do seu novo traballo e, por suposto, o seu derradeiro dono, John Thornton, co que trabou un intimísimo vencello que só a morte puido romper para devolver definitivamente a Buck á plenitude do estado salvaxe. Pois ben, nesta nosa historia de cans que atacan o gando faltan con toda seguridade estes tintes de grandeza da obra literaria: probablemente os pobres animais foron, sen máis, abandonados á súa sorte, no medio da selva do tráfico.