Aliteratura é a arte que máis se asemella á vida. A súa materia prima é a linguaxe, mais tamén se nutre dun elemento moito máis etereo e inapreixábel: as vivencias e as angueiras humanas. Hai poesía que se aproxima á música, na que os efectos rítmicos e sonoros da linguaxe están nun primeiro plano, e outra que é concomitante coa filosofía, que se serve do misterio e o simbolismo para expresar unhas ideas que dificilmente poderían conterse de xeito máis analítico e racional. Antonio Machado é desta segunda caste de poetas, especialmente nos seus versos máis maduros e persoais, os da súa última etapa. Por iso a sinxeleza aparente dalgún dos seus poemas agocha, detrás da súa néboa envolvente, un espazo de silencio no que agroma o pensamento. Machado condensou a complexidade da liberdade no seu famoso “se hace camino al andar”, proclamou a necesidade de vivirmos unha vida auténtica, de transitarmos novos sendeiros con trazados abertos; e describiu a natureza, esencialmente nostálxica e saudosa, da creación artística no non menos célebre “se canta lo que se pierde“. As dúas Españas foron referidas recorrentemente polo poeta, obsesionado polo “cainismo”. El, que premonitoriamente anunciou a súa morte “casi desnudo, como los hijos de la mar”, foi vítima do enfrontamento desas dúas Españas, da escisión íntima e ideolóxica que estalou no 36.netos laudatorios ao ditador. Por iso un verso que se entrecruzou dramaticamente coa súa vida é, sen dúbida, ese no que, ao falar das dúas Españas, sentenciou: “una de las dos ha de helarte el corazón”.