Silencios

LUGO

20 nov 2019 . Actualizado a las 08:56 h.

Odomingo deixounos dúas novas agresións na cidade, un delito de natureza sexual e un ataque violento dun home á súa parella en plena rúa. Pero, aínda así, se volvemos falar sobre o que sen dúbida é un grave problema social que non pode ser explicado, dada a súa magnitude, desde a esfera do individual e o íntimo, haberá algúns que se digan cansos da cuestión ou mesmo que a neguen ou relativicen. Silencio.

O segundo silencio que hoxe me conmove é o da morte, aos 34 anos e en plenitude da súa vocación, do xornalista Pablo López Orosa. Unha intensa vida que plasmou por escrito, o que non deixa de ser unha forma silenciosa de inmortalidade. Mesmo tivo tempo de escribir unha novela publicada o ano pasado co fermoso título de Fálame do silencio.

Mais hoxe quero evocar, tamén, ese silencio que vai invadindo o noso rural progresivamente, aos poucos, coma unha praga invisible. Non o silencio branco da neve que nos visitou esta semana e agasallou a nenos da montaña cunha semana de vacacións (desas que fican sempre na lembranza), senón esoutro silencio negro e definitivo que trae consigo a morte duns e a marcha dos outros. Fronte a este silencio, o do baleiro, vanse destinar, desde a Deputación provincial de Lugo, 300.000 euros a promover formación para fixar poboación no rural. Freará iso o seu avance? E tamén contra o silencio, a forza dunha voz, a desa muller que a pasada fin de semana mantivo a unha amiga ao teléfono, dentro do coche, na ponte sobre o río Miño, evitando un suicidio e dilatando o tempo para que a policía puidese evitar ese último e repentino silencio dos que perden a vida, que é sempre o contrario do silencio, chea de rebulir e de pranto ou de risa.