


















Patrimonio dos Ancares quere que o vello cuartel sexa o museo da romanización
25 nov 2019 . Actualizado a las 17:00 h.Diante da polémica sobre o uso que debe darse ao antigo cuartel de San Fernando, en Lugo, no Colectivo Patrimonio dos Ancares posicionámonos a prol de convertelo nun museo referente da Cultura Galaico-Romana.
Espalladas por toda a provincia, temos ducias de pezas descoñecidas pola maioría da xente. Pola súa ubicación, moitas están expostas a sufrir agresións e mesmo a desaparecer. Outras, por atoparse á intemperie, están a padecer os efectos dos axentes naturais o que lles está a provocar unha grave deterioración. Un número importante están en mans particulares o que impide que sexan coñecidas polo público que sería preciso recuperar.
Por outra parte, en moitas igrexas e capelas atópanse pezas situadas no seu interior e nos adros polo que sería necesario que as Administracións públicas iniciaran conversas co seu propietario, o Bispado de Lugo, para acrecentar o patrimonio do futuro museo.
Pezas lucenses fóra de Lugo
Tampouco debemos esquecernos das pezas procedentes da provincia de Lugo custodiadas noutros lugares, entre outros, o do Castelo de San Antón da Coruña, a Universidade de Santiago, o Museo de los Caminos de Astorga ou o Arqueolóxico Nacional cos que se podería negociar o traslado para Lugo. Por poñer só algúns exemplos, temos aras e estelas nas igrexas, capelas e adros de Amoexa (Antas de Ulla), Virís (Begonte), Temes (Carballedo), O Buriz (Guitiriz), Río (Láncara), Esperante (Lugo) ou Liñarán (Sober). O en casas particulares de Cervantes, Guitiriz, Sarria, O Saviñao ou Taboada.

No Museo do Castelo de San Antón da Coruña temos unha ara a Locoubu procedente de Outeiro de Rei; no Museo de los Caminos de Astorga miliarios procedentes de Guntín de Pallares e Rábade; no Arqueolóxico Nacional seis torques procedentes da parroquia de Arcillá, en Cospeito. Tamén atopamos exemplares en áreas recreativas e mesmo tirados a carón dunha estrada. E así un longo etcétera. Só como anécdota, os miliarios de Guntín e de Rábade (agora en Astorga) foron regalados, a finais do século XIX, polo presidente da Deputación de Lugo, Victoriano Sánchez Latas, ao bispo de Astorga, Julián de Diego y Alcolea.
Dende o noso colectivo consideramos que as Administración públicas deberan deixarse de liortas que non conducen a nada e traballar xuntas para valorizar e visibilizar un patrimonio que é de toda a cidadanía, e que mellor que nun museo que pode ser referente da cultura galaico-romana.
Miliarios de Guntín e de Rábade están no museo de Astorga porque foron regalados a finais do XIX polo presidente da Deputación de Lugo