Os ollos de Moria

María López Sández
María Sández TRIBUNA

LUGO

11 mar 2020 . Actualizado a las 09:02 h.

Entre a manchea de imaxes que se captan e publican cada día, hai algunhas que, pola súa forza expresiva ou pola súa capacidade para expresarnos como especie, se converten en únicas. Nas páxinas do xornal deste domingo descubrimos os ollos grandes e abertos dunha meniña refuxiada en Moria. As súas mans, mancadas e frías, achegábanse a un pote incandescente que xa forma parte da nosa memoria colectiva.

O fotoxornalismo e os premios Pulitzer saben moito destas olladas que chegan e fican para sempre. Como esquecermos os ollos de Omayra, mergullada na auga da que inexplicablemente non a puidemos salvar? Ou os de Aylan Kurdi, o neno sirio de tres anos que apareceu afogado nunha praia de Turquía?

No universo de Tolkien, Moria está situada baixo as Montañas Bretemosas. É unha mina, un lugar que fala dunha derrota e un soño, un espazo mítico e nostálxico que os ananos aspiran a recuperar. E, no noso mundo paralelo, en Lesbos, no corazón do Mediterráneo, Moria fala, igualmente, das nosas derrotas e do afastados que estamos dos soños utópicos da humanidade.

Entre as imaxes que a pandemia do coronavirus nos deixará para o futuro, haberá rúas desertas, colexios pechados, estadios baleiros, persoas que deambulan coas mascarillas postas; mais serán os ollos o que probabelmente lembremos: os que miran, compunxidos, a evolución das bolsas; os dos viandantes que respectan a distancia de dous metros. Os ollos son o contrario dos números. Por iso, cando pretenden tranquilizarnos, fracasan as cifras comparativas da gripe: porque nesta crise se está poñendo ollos ás vítimas, que aparecen individualizadas, e as miradas non se poden reducir a cálculo.