Cando en marzo se decretou o estado de alarma e todo quedou en suspenso o ensino adaptouse e as clases presenciais foron substituídas por telemáticas sen ter a oportunidade de formar previamente a alumnado que nunha porcentaxe significativa nunca abrira unha aula virtual e que en ocasións nin sequera contaba no seu fogar co equipamento ou a conexión necesarios para facelo.
Durante o proceso demos en grande medida por suposto que os problemas quedarían limitados a ese curso 2019/2020 e que chegado o verán, co poder máxico da calor e a radiación solar, e comezado o novo curso, todo volvería á normalidade.
Avanzado o mes de agosto, achegándonos ao seu fin nun escenario de incremento de gromos e diagnoses empezamos a temer que o vivido na pasada primavera fose só un ensaio para o que agora se presenta como o curso autenticamente comprometido, o 2020/2021.
Se se fixo un esforzo e se puxo en risco a saúde de moitas persoas pola necesidade de revitalizar a economía e non dar un golpe de graza á hostelería, o que parece claro é que non podemos é ateigar as terrazas e baleirar os centros educativos. Como e con que medidas de seguridade é o quid da cuestión, e aí é onde necesitamos expertos sanitarios que analicen as posibilidades e establezan os protocolos.
Se ao final a asistencia presencial se ve total ou parcialmente imposibilitada falarase do problema da conciliación máis ca do da formación. É como se a aprendizaxe fose o máis doadamente sacrificable, tal vez porque os efectos non se ven de xeito inmediato. Pero do que se faga agora depende que non convirtamos un curso covid nunha xeración covid, que nas portas dun escenario económico complexo viu interrompida e sacrificada a súa formación tras os encontros nas terrazas e as festas de verán.