Microcosmos

María López Sández
María L. Sández PROTAGONISTAOPINIÓN

LUGO

18 nov 2020 . Actualizado a las 11:04 h.

vida a bordo dun barco é unha especie de metáfora existencial. Na súa pequenez, contén un microcosmos flotante á deriva na inmensidade do Océano que semella un planeta no medio do cosmos. Na historia de Noé xa está contida esa idea dunha semente capaz de reiniciar un mundo e, se nos segue fascinando máis dun século despois o afundimento do Titanic, é porque é como se o mundo todo, coa súa vaidade e prepotencia, tivese navegado a bordo aquela noite en que a casualidade, ao xeito dun vento calmo e unha pequena chave, decidiu o destino.

Nos primeiros días da pandemia, un Cruceiro confinado no mar deu forma aos nosos temores. Agora, nas nosas costas mariñás, o acontecido a bordo do Sempre Antares conmóvenos especialmente, por proximidade, cando imaxinamos a eses 15 tripulantes decatándose da presenza entre eles da Covid-19; vendo coma o seu compañeiro perde os folgos e deben auxilialo, coa precariedade de medios de alta mar, con osíxeno; e enviando logo o SOS para desprazalo, a falta de sete horas de travesía, nun helicóptero ata o hospital. Finalmente, non conseguiron evitar o desenlace da morte dese mariñeiro de 56 anos afogado, mais non polo mar, senón por un inimigo invisible. E mentres ocorre isto, aquí estamos, neste barco de 7.000 millóns de habitantes, espreitando a presenza dese virus. Temendo que chegue o Nadal e teñamos que recoñecer a magnitude da nosa soidade. Porque cómpre recoñecer que seguimos á deriva, deixando que os helicópteros leven polo aire a uns cantos de entre nós e preguntándonos se non hai algo máis que se poida facer ou outro xeito de enfocar as cousas.