«O fútbol profesional é o meu soño»

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O técnico máis novo da Terceira traballa para chegar algún día a unha categoría superior

07 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Con tan só 28 anos, Simón Lamas é o adestrador máis novo da Terceira División galega. Cumpre a súa terceira campaña ao fronte do Racing Vilalbés, club ao que adicou toda a súa vida como xogador e como técnico. Chegou a entidade chairega con tan só seis anos. Fíxose cargo do equipo fai dúas campañas -foi a metade de tempada-, e co seu traballo sacou ao conxunto lucense dos postos de descenso, rematando a liga no oitavo posto. Na pasada liga, o equipo estaba na boa dirección, pero o covid-19 parou a competición. Polo que respecta ao actual campionato, o seu plantel ocupa a terceira praza a pesar da derrota no derbi diante do Viveiro.

-¿Que lectura fai deste campionato?

-Está sendo unha tempada extraordinaria, circunstancia motivada polo covid-19. A liga vese alterada, porque cos dous grupos que se configuraron hai moi pouca marxe de erro. Temos que ser regulares para rematar entre os seis primeiros clasificados, porque deste xeito espantamos a pantasma de competir pola permanencia. Unha vez que logremos este obxectivo, despois podemos pensar na zona nobre da competición.

-¿Pódese dicir que xa é un éxito disputar a seguinte xornada?

-Así é. A meta é poder disputar o seguinte partido. Cada xoves temos que pasar un test polo covid-19, o que podemos considerar como o noso partido de Champions. Se o superamos, xa estamos listos para xogar o domingo. Isto é unha incertidume que afecta ao rendemento dos futbolistas. Eu estou moi ledo, porque teño un grupo de xogadores moi responsables. Son un auténtico privilexiado.

-¿Está ledo co plantel que lograron confeccionar?

-Moi ledo. Contamos cun plantel completo e equilibrado. Somos un equipo que traballa moito o apartado defensivo, e a partir de aí imos medrando. Ademais, reforzámonos moi ben con futbolistas que marcan a diferenza, como Pedrosa, Gegúndez e Aitor.

-O potencial ofensivo é brutal.

-Os datos así o reflicten. En sete partidos xa logramos trece goles. O problema este ano por agora é que encaixamos máis que nas tempadas anteriores. O noso obxectivo é buscar un equilibrio entre defensa e ataque. Será clave para afrontar a tempada con seguridade.

-¿Como explica o feito de que a canteira de Vilalba sexa unha fonte inagotable de talentos?

-A resposta está na aposta que o Racing Vilalbés ven facendo dende hai moito tempo polo fútbol base. O primeiro é que o adestrador crea na canteira e provocar o escenario favorable para os rapaces. Se ven que os técnicos do primeiro equipo apostan pola xente da canteira, eles traballarán máis para chegar. O 50% dos futbolistas que forman o noso plantel son da canteira local. Daquí saíron futbolistas como Villares, Víctor e Ángel Fraga, que foron para o Fabril, o Arenteiro e o Polvorín, e poden voltar algún día. Coido que estamos facendo un gran traballo, e así o demostra o feito de que o Racing Vilalbés sume 13 tempadas seguidas na Terceira División.

-¿Estará Simón Lamas moitos anos no primeiro equipo?

-Non o sei, pero xa se sabe que os resultados son os que marcan a traxectoria de calquera adestrador. Pero teño que dicir que no Racing Vilalbés apostan pola continuidade e planifican sempre a medio e longo prazo. Son un privilexiado de estar neste club, porque o presidente confía plenamente no meu traballo.

-¿Con que estilo futbolístico se identifica vostede?

-Gústame adaptarme ao contexto, e nesta categoría o obxectivo é gañar. O primeiro que tes que facer é adaptarte ao sitio ao que vas, e a partir de aí, interpretar o perfil de futbolista co que contarás. Do que se trata é de xerar o contexto para que os xogadores destaquen. Para iso, os adestradores temos que prepararnos. A maior riqueza dun adestrador é saber adaptarse a todos os contextos.

-Vostede é o benxamín nos banquillos da Terceira División, gustaríalle dar o salto nun futuro ao fútbol profesional?

-Si que me gustaría. Para iso me estou formando. Todos sabemos que é un mundo difícil, pero agora os corpos técnicos son máis amplos, e a min no me importaría asumir calquera rol, é dicir, ser segundo adestrador ou facer as análises tácticas. Chegar ao fútbol profesional sería un soño para min. Hai que seguir traballando.