Nós, 13-0647

LUGO

06 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega vén de escoller, coa colaboración da Fundación Barrié e os votos dos internautas, a palabra do ano 2020: Nós. No ano da «pandemia» e as «máscaras», figuran entre as finalistas xunto con outras similares como «vacina» ou «gromo», impúxose este pronome de resonancias colectivas e grupais que celebra tamén, no seu centenario, a xeración de intelectuais que posiblemente marcou máis fondamente a historia contemporánea de Galicia.

A escolla, como ocorre sempre nestes casos, está relacionada coa particular concepción do mundo dos votantes que acceden ao Portal das Palabras; máis implica, tamén, unha dose de épica e de reivindicación das cuestións colectivas que é moi recomendable nestes tempos de illamento. Mais, se «Nós» é a palabra do ano 2020, a cor do 2021 é o gris, unha combinación de gris cun vibrante amarelo ácido (identificado co código 13-0647) escollida por Pantone. A idea é transmitir unha mensaxe de afouteza e esperanza a través dunha mestura que suma a solidez mineral do gris coa calidez e mais o optimismo desa tonalidade solar e cálida que quizais constiúa a máis feliz e infantil das cores.

«Necesitamos sentir que todo vai ir mellor; é algo esencial para a alma humana», conclúe o discurso explicativo da escolla en Pantone. Así que semella que todos botamos man da profecía autocumprida de Slavoj Zizek: queremos empurrar o tempo cara atrás, coa forza das palabras e as imaxes, na procura dun pasado máis humano e feliz (soleado e amable, nas verbas de Leatrice Eiseman, directiva de Pantone).

Brindemos por el.