Rutas de Gallol e de Pena Guímara: entre castros, soutos e regatos

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

Ao largo da ruta pódese ver o monte entre Arquide e Vilarxubín
Ao largo da ruta pódese ver o monte entre Arquide e Vilarxubín MANUEL

Os sendeiros permiten facer un percorrido pola historia da comarca. A través dos camiños que conforman o sendeiro é posible ver corripas, muíños, carboeiras, cortíns e hórreos

07 feb 2021 . Actualizado a las 12:26 h.

A ruta de Gallol, na Fonsagrada, permite fixar a vista e os sentidos sobre un dos soutos máis grandes do mundo. Son máis de 17 kilómetros de sendeiro —unhas oito horas— que parten na escola de Vilardíaz. Só uns pasos despois de comezar a andar, o asfalto queda atrás e aparecen os camiños. De dificultade alta, hai fortes pendentes que atravesan zonas de monte nas que a natureza aínda permanece a salvo. Despois dunha hora de andaina, o camiño remata nun promontorio de pedra, con miradoiro incluído, que agocha á súa vez un cortín encaixado na base da rocha. Alí comezan a relucir as pegadas castrexas e ao chegar ao castro, báixase ata o río que nestes tempos, leva auga a moreas.

Dúas horas despois de iniciada a ruta aparece a ponte do Rodil, que permite ver a desembocadura do río Veiga e o pobo de Parada, que noutro tempo estivo habitado. Xa na sexta etapa da ruta, comeza un ascenso difícil que permite namorar dun souto no que os máis observadores verán as marcas de propiedade fendidas na cortiza dos castiñeiros. Despois, á dereita queda o pobo de Vilarín do Castelo, que termina noutra fraga na que os camiños se estreitan ata converterse nunha corredoira que discorre entre muros, baixo acivros e teixos. Alí chega Vilarxubín e deseguido, volta o río Rodil. A chegada remata de novo na escola de Vilardíaz.

Pero neste entorno privilexiado hai outra ruta algo máis doada que leva o nome de Pena Guímara. Son dez kilómetros tamén con partida na escola de Vilardíaz e ten unha duración aproximadamente dunhas cinco horas. O paseo transcorre por soutos, a carón do río Veiga de Logares, onde é posible gozar de dous antigos muíños que anteceden a unha parede de pedra que lembra os usos que tivo o monte noutras épocas. Esta segunda ruta permite atravesar o pobo e o castro de Romeán, cun muíño, hórreos e casas que aínda se poden advertir. Ao seguir o camiño chega San Martín de Robledo, unha fermosa aldea na que as casas están adaptadas ao chan, encaixadas entre as rochas. Ademais, alí hai unha igrexa e unha reitoral abandonadas. Tras atravesar un pequeno souto e varias covas escavadas pola auga na rocha calcaria, chega de novo a escola, que é punto de partida e tamén o final ao tratarse dun sendeiro circular.

Por estes sendeiros é posible facer un repaso pola historia da comarca. Hai varios muíños en diferente estado de conservación, pero tamén corripas, pequenas construcións que estaban situadas no medio dos soutos e que servían para conservar as castañas secas dentro dos ourizos. As carboeiras, plataformas circulares, servían para queimar leña e facer carbón a base de cepos de uz e leña de carballo, que era o que se empregaba nas ferrerías da comarca. Os cortíns, tamén presentes, eran construcións circulares de pedra, con lousas no borde, e permitían protexer as colmeas dos osos e do lume. Por último, a través destas aldeas fonsagradinas é posible ver varios hórreos típicos desta comarca, de base cadrada. Os máis tradicionais teñen palla de centeo, pero xa poucos se conservan como eran antano.