O lobo. Os ollos do lobo. Ese depredador inmenso do que escribiron Uxío Novoneyra e Ánxel Fole. O animal misterioso, arrepiante, salvaxe e estrañamente humano ao que se vencellan tantas das nosas tradicións e que nos provoca fascinación e medo. O meu avó contaba historias de lobos nas que se desdebuxaban as fronteiras entre o real e o imaxinado. Os lobos poboaban a realidade física da contorna da súa aldea; atacaban nos tránsitos, amparados polas noites da invernía, e o clímax, o intre de maior perigo, sempre ocorría ao atravesar a Pena Moura.
O noso mundo domesticado non deixa espazo para o lobo, o bravo cánido amado por Félix Rodríguez de la Fuente. En xuño do ano pasado publicábase neste xornal que a súa poboación en Galicia estaba estabilizada nunhas 90 mandas, conformadas por arredor de 700 exemplares. Mais as últimas medidas de protección provocaron a reacción da Galicia Baleira.
No fondo deste debate subxace, como en tantas cousas, o problema esencial das decisións e responsabilidades colectivas. Se queremos preservar o lobo en Galicia, cómpre sostelo entre todos, do mesmo xeito que, nun intre coma este, cómpre apoiar os colectivos afectados polas medidas necesarias para conter a pandemia. Cada día é máis necesario vencer o individualismo que se veu impoñendo nos últimos tempos, traído á luz polo debate arredor de tantos youtubers que se afincan en Andorra para evitaren pagar impostos. Os que queremos unha Galicia con fragas e lobos, os que procuramos un xeito de saír colectivamente dos problemas que se nos presentan no camiño, asumimos as súas consecuencias como unha tarefa e unha responsabilidade colectiva. Acaba de facer un ano que se aprobou o proxecto transfronteirizo Loup para protexer o lobo nos Pirineos. A ver se os nosos lobos van ter que emigrar a Andorra