Hai 35 anos, Galicia lembraba a Iglesia Alvariño como señor das palabras

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Casa natal de Aquilino Iglesia Alvariño, na parroquia de Vilarente (Abadín)
Casa natal de Aquilino Iglesia Alvariño, na parroquia de Vilarente (Abadín) PALACIOS

A Real Academia Galega celebrou en Abadín a sesión do Día das Letras Galegas

18 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non todas os lugares teñen o privilexio de ser o berce natal dun poeta, como dixo Carlos Casares o 17 de maio de 1986. As terras de Abadín, onde se pronunciaron esas palabras, si o posúen, pois nas de Vilarente naceu Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961). Ese privelexio serviu, hai agora 35 anos, para que a Real Academia Galega celebrase en Abadín a sesión correspondente ao Día das Letras Galegas. A xornada estivo dedicada entón a quen o xornalista Raimundo García Domínguez, Borobó, definira, nun artigo publicado en La Voz de Galicia en xaneiro de 1986, como señor das palabras.

A traxectoria de Iglesia Alvariño ten trazos semellantes á de poetas coma Xosé Crecente Vega ou Xosé María Díaz Castro. Coma eles, a nenez na Terra Chá deixou paso aos estudos no Seminario de Mondoñedo, onde o contacto coa cultura clásica sería decisivo para a formación literaria. Viviu en varias cidades galegas, cunha estadía de varios anos en Vilagarcía de Arousa, ata trasladarse a Santiago, onde foi catedrático de instituto e morreu.

A traxectoria poética de Aquilino Iglesia Alvariño comezou nos anos trinta do século pasado. «Señardá» e «Corazón ao vento» foron os primeiros pasos dunha carreira literaria que continuaría na década seguinte. De feito, «Cómaros verdes», editado en Vilagarcía de Arousa en 1947, é unha das primeiras obras publicadas en galego tras a Guerra Civil. Unhas semanas antes, en Bos Aires, saíra do prelo «Debezos», de Avelino Díaz, nado na parroquia da Órrea (Riotorto).

A celebración do Día das Letras Galegas fixo máis evidente a pegada do poeta na súa terra natal, pois entre os actos celebrados o 17 de maio de 1986 incluiuse a descuberta dun monólito no colexio de Abadín, que dende entón leva o nome do poeta. Xa daquela, na Terra Chá comezara a súa actividade a Asociación Cultural Iglesia Alvariño, con sede en Muimenta. Na celebración de 1986, ademais de Casares, participaron, como representantes da Real Academia Galega (RAG), Domingo García Sabell, Francisco Fernández del Riego e Xosé Trapero Pardo. Este, coma Aquilino Iglesia Alvariño, tamén naceu na Terra Chá e estudou en Mondoñedo, onde comezou a súa actividade xornalística e a súa amizade co poeta.

Na casa natal do escritor, en Vilarente, colocouse unha placa como lembranza desa xornada. Porén, a festa tivo unha parte de sombra, pois Manuel Iglesia Alvariño, irmán do poeta, sentiuse mal na mañá do Día das Letras Galegas de 1986, foi trasladado a un hospital de Lugo e morreu horas despois.

CON TU SUSCRIPCIÓN PUEDES ACCEDER A TODAS LAS NOTICIAS PUBLICADAS EN LA VOZ DE GALICIA, DESDE 1882 HASTA HOY, BUSCANDO POR PALABRA CLAVE