A Deputación de Lugo organiza actividades medioambientais para todos os públicos que comezan este luns
30 may 2021 . Actualizado a las 20:25 h.Compaxinar ocio e medio ambiente. Esa é a proposta que a Deputación de Lugo pon en marcha dende este luns grazas a un ciclo de actividades para todos os públicos que terán como referencia a Reserva da Biosfera Terras do Miño.
A idea da que parte a iniciativa é fomentar un ocio saudable entre os veciños da provincia que viven na contorna da Reserva, xestionada pola propia institución provincial. Conservas artesanais, divulgación ou o cultivo de plantas son algunhas das propostas.
Dende este luns e ata o 4 de xuño terá lugar unha actividade dirixida a adultos e que consistirá na elaboración de conservas artesanais e aproveitamento de recursos. Será en horario de 10 a 14 horas.
Do 7 ao 11 de xuño, tamén para adultos, organizaranse actividades de cultivo de plantas en testos. Nela os asistentes aprenderán a elixir os substratos, a regar ou a fertilizar. Será tamén de dez da mañá a dúas da tarde.
Do 14 ao 18 de xuño a actividade proposta versará sobre recoñecer os rastros, pegadas e sinais dos animais que habitan na zona. Tamén está pensado para adultos.
Propostas para nenos
Entre o 23 e o 25, e dende o 28 ao 30 de xuño, as propostas estarán enfocadas nos máis pequenos: nenos de 5 a 12 anos que poderán gozar de actividades no entorno medioamibental da Reserva das Biosfera Terras do Miño. O horario, igual que o dos adultos, será de 10 a 14 horas.
Para pechar o ciclo de actividades, do 1 ao 2 de xullo e do 5 ao 9 do mesmo mes terán lugar xornadas de divulgación científica e de educación pensadas tamén para os máis pequenos. O seu horario será de 10 a 14 horas e están pensadas para un público miúdo de 5 a 12 anos.
Todas as actividades terán lugar no Centro de interpretación Terras do Miño, situado no Paseo do Rato. Como as limitacións sanitarias polo coronavirus seguen vixentes, todos os interesados deberán inscribirse previamente, posto que o número de prazas para cada actividade estará limitada a 8. Os interesados poderán anotarse na web da Deputación e para obter máis información poderán chamar ao 982 305 930, ou ben no correo und.medioambiente@deputaciondelugo.org. Todas as propostas serán de balde.