
A celebración comezará o venres, ás oito da tarde, co pasarrúas Aire Xulia. A continuación, Luz Fandiño pronunciará o pregón acompañada polo dúo Acordeireta no Campo da Feira. Pecharase a xornada cun concerto de Tiruleque que terá lugar ás dez
05 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O tradicional Festival de Pardiñas volverá este fin de semana cunha nova edición, que a pesar de adaptarse á situación actual, non esquece a súa esencia. Alfonso Blanco, referente de Xermolos e da cultura guitiricense, agarda que o festival siga aportando vida un ano máis.
—Como percibe a actitude da xente ante a adaptación do formato do festival? Cre que isto afectará ao habitual grao de participación e asistencia nas actividades propostas?
—Nós tivemos eventos durante toda esta tempada, e nótase. Para min é case máis preocupante o virus do medo que o do covid-19, e penso que imos ver as consecuencias. Está creando enfermidades, trastornos mentais... que xa están prexudicando o que é a vida. Eu penso que tomando medidas hai que seguir vivindo, facendo cousas, creando saúde, amizade, boa convivencia, igualdade...
—Nalgún momento, tanto o pasado ano coma este, pensaron en suspendelo?
—Hai que dicir, e proclamar, que isto esta creando problemas aos colectivos de base, na xente que está traballando e á que o coronavirus non debe exterminar. O ano pasado recibimos quizais críticas por facelo deste xeito, con todas as medidas, e gastamos moito en seguridade, vallas, gardas... O que facemos, facémolo encarecendo o presuposto, pero pensamos que hai que seguir creando beleza e mantendo vivo o patrimonio que nos deixaron os nosos antepasados con tanta sabedoría.
—Tradicionalmente a celebración do festival producíase a primeiro fin de semana de agosto. Por que decidiron ampliar agora a programación ata finais de mes?
—Como hai que respectar os aforos, damos a posibilidade de ter actividades e de gozar da nosa cultura varios días e en distintos espazos. Só dicir Pardiñas é un imán, xa vén a xente. De feito, o ano pasado, sen ter nós nada que ver, os días do festival, a xente ía acampar e incluso a merendar. Pardiñas xa era unha fonte de balneario e agora converteuse nunha fonte moito máis grande de saúde, porque como di Xurxo Souto, «Pardiñas, dásme a vida». E iso vexo que se multiplica, porque xa hai nenos e nenas que o saben de memoria.
— Que lles levou a escoller a Luz Fandiño como pregoeira desta edición?
—Témola visto en Pardiñas gozando da música e pensamos que había que traela. Os seus versos foron escollidos por varios grupos para poñerlle música, e mesmo ela vai estar acompañada no pregón polo dúo Acordeireta. Hoxe é unha líder de colectivos culturais, feministas, sociais... é unha muller totalmente entregada ás nosas causas, e sobre todo, é unha gran poeta.
— Máis aló da organización, cre que a xente foi capaz de manter a esencia coa que naceu o festival?
—Hoxe mesmo recibín unha mensaxe por Twitter que dicía: que cambie todo, menos Pardiñas. Son xa corenta e dous anos e é un dos temas de conversa que teño coa xente cando vou a algunha xuntanza. Realmente do que máis me preguntan e do que máis falamos, é de Pardiñas. A filosofía, a mística de Pardiñas, é o que atrae á xente que segue vindo. Nestes momentos mesmo estou facendo unha análise acerca de como é unha herdanza que reciben as crianzas.
— Que é iso que non pode faltar nunca nun Festival de Pardiñas?
—Non pode faltar o aprecio, o agradecemento, e a valoración da nai terra. Todos os sentidos funcionan atope en Pardiñas. Ademais, a acampada en Pardiñas é tamén unha transmisión da amizade dos grupos. Algúns dinme que son os únicos días do ano que non dormen na casa, e iso penso que tamén ten o seu valor, o seu mérito.