Paco Pestana

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

19 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre dous días grandes do San Froilán, poucas horas despois de falarmos cando saía en bici de percorrer o recinto feiral, fóisenos a viva imaxe dun Quixote intemporal paseando por Lugo exercitando músculos e inxenio, facendo gala dunha inagotable sabedoría, sempre sorrinte, cunha arte especial para transmitir optimismo e ledicia de vivir. Un dos meus maiores acertos en Televisión Lugo foi chamar como contertulio a Paco Pestana para falar de calquera tema que suscitase contraste de opinións. E á Tele chegaba Paco coa sorrisa por bandeira, arrasando amistosamente coa palabra. E cando Paco Rivera o entrevistou en Lucenses deixou para a historia aquel «iogur de maracuiá» como modesto e grandioso símbolo de ledicia polo triunfo na vida; manifestación da felicidade coas cousas máis pequenas. Todo terreo das artes, con expresións plásticas inconfundibles, fixo do Mesón do Forno a súa segunda casa, exposición permanente, non só coa súa obra senón mesmo co seu retrato de cardenal do medievo que evidenciou que o reino de Paco era deste mundo pero non deste tempo; imaxe dun Renacemento propio, cabalgando un Rocinante metálico, sobrevoando paisaxes e séculos.

O Concello de Castroverde fíxoo Fillo Predilecto, honrando en vida a quen estaba por riba de moitas cousas, facéndoo un chisco máis feliz. Éme difícil explicarlle aos meus netos como é posible que un home así, do que me daban novas («vimos ao teu amigo, avó!») cando o atopaban pola rúa, pode ser substituido de repente por unha lembranza. Descansa en paz, Paco da palabra axil, inxenio punzante, sorriso franco, ollar intelixente, artista e amigo.