Que non existe unha única idea da felicidade sabémolo desde antigo. Xa entón se formularon, como doutrinas antagónicas, posicionamentos hedonistas e estoicos. Aqueles que, como Anacreonte, cantaban os praceres e reclamaban o néctar de Dionisos, o amor da máis bela das deusas, auga e viño para adormecer a alma, porque os mortos “non comen, non aman, non desexan”; e aqueloutros que vían no anhelo a porta para o sufrimento, posto que quen desexa en grande medida sofre cando non acada o que degoira ou cando o perde e nesta vida, ao final, perdémolo todo. E por iso se decantaban polo acougo e a resignación para chegaren ao que máis poida asemellarse á felicidade. Para estes últimos, os estoicos, sempre foi o campo o grande refuxio e o lugar da calma feliz.
Por conseguinte, cando se di que a Galicia profunda ofrece menos opcións, quen o di posiciónase nun debate que moitos sabios non foron quen de descifrar. Poida que si, que neste noso mundo o estereotipo vaia pola vía da ambición, da exaltación do éxito económico e social, ao que se suma necesariamente unha imaxe xa desfasada dunha Galicia que conta cunha rede de escolas e centros de secundaria que garanten a educación universal. O outro día atopeime a un alumno do ano pasado. Falamos pouco, porque o agardaba o taxi que o leva cada día de volta á súa aldea.
Mais vivimos nun mundo complexo no que cómpre atopar solucións a situacións cada vez máis frecuentes. Parellas que se afastan e seguen camiños diverxentes… Cara a onde vaia o fillo non pode vir determinado polos prexuízos de ningún xuíz ou xuíza. Así que o peor do asunto é que a cuestión da Galicia profunda desviou o debate do importante: dunha decisión que determina varias vidas, mais particularmente a dun menor que ten dereito ao contacto e ao amor de dous proxenitores, un bebé que aínda nin sabe nada do mundo que o agarda.