Esta fin de semana falláronse, en Vigo, os premios da cuadraxésimo cuarta edición dos Premios da Crítica de Galicia. O xornalista Xesús Fraga foi o galardoado na Modalidade de Creación Literaria e a gala deixou momentos inesquecibles, como o dun emocionadísimo Miguel Anxo Seixas ao que, ao recoller o premio de Investigación, se lle crebou a voz coa emoción ao afirmar que escribira a súa obra (Castelao. Construtor da nación) por e para a súa nai, e non foi quen de seguir falando; ou dun marabilloso Manuel Ayaso que, repasando á súa traxectoria plástica, fixo un exercicio de memoria viva.
Mais quero centrarme na última categoría que se entregou, a de Cultura Gastronómica, porque o discurso de recollida do premio que puidemos escoitar os asistentes, que, por certo, non debería ficar esquecido baixo a morea de datos de premios e premiados, foi unha auténtica homenaxe ao agro galego. Non podo garantir a literalidade das palabras; mais a idea esencial, enunciada con toda a potencia que merece, veu ser esta: cada vez que pecha unha pequena explotación agrogandeira en Galicia, vaise con ela unha parte da nosa cultura.
A incorporación da gastronomía entre as categorías dos Premios da Crítica supón unha aposta por unha concepción ambiciosa da nosa cultura e velaquí que no discurso pronunciado na concesión do premio á Queixería Airas Moniz (de terras luguesas, ademais) esta nova perspectiva fíxose aínda máis ampla, ao pasar a integrar tamén o noso campo, a nosa cultura rural, porque no saber tradicional da produción e elaboración dos produtos do agro está presente algo enormemente valioso do pode saír un proxecto economicamente viable e exportable ao mundo, como demostran estes queixos que, en catro anos de traxectoria, xa coñeceron diversos recoñecementos e galardóns. Emocionoume, fíxome sentir un gromo de esperanza.