Esta explosión de luz

LUGO

15 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un precioso artigo de Rosa Montero do ano 1997 titulado «Carpe diem» remataba dicindo que a vida é o aquí e o agora, «esta explosión de luz de inunda nuestros ojos». Nun suspiro transcorreron, desde entón, 24 anos, 24 xiros deste pequeno punto azul arredor da nosa estrela. A propia Rosa Montero sufriu perdas nestes anos das que dalgún xeito foi deixando testemuña nos seus escritos. Nos últimos tempos, a pandemia intensificou as perdas globais, supuxo -como ben nos lembran os medios- un exceso de mortes respecto ás esperables, miles de persoas que non estarán aquí para ver este 2022 que axiña estrearemos; coma tampouco o verán Darío, Almudena, Manolo ou Verónica.

Xa Heráclito nos fixo ver hai 2500 anos que non podemos reter o río da vida e sabemos, tamén, o que acontece coas augas estancadas; mais iso non impide que sexamos seres esencialmente nostálxicos, porque amamos e temos memoria. Poida que por iso haxa xente que odie o nadal, porque na noite máis escura, cando acendemos máis luces, as lembranzas se volven máis intensas. Mais na súa natureza contraditoria, o Nadal encerra ilusión e memoria e estas son dúas armas potentes para enfrontarse á vida. A ilusión que nos permite seguir adiante, mirar cara ao que nos agarda tras o seguinte meandro do río, e a lembranza que nos permite reter o valor do fomos e do que xa vivimos. Roi, ese personaxe marabilloso e inesquecible de Blade Runner dicía, cando intuía a morte, que todos os seus momentos máxicos se perderían coma bágoas na chuvia. Pero nada da súa corta vida de ficción se perdeu, nin sequera ese momento intenso que deu títulos a novelas e que é un dos intres máxicos do cine. Aquí estamos, aquí seguimos, desprazándonos neste planeta azul e fascinante, coas nosas pequenas vidas, vibrantes cada unha coma un punto de luz na noite inmensa.