Ollos que voan

LUGO

29 dic 2021 . Actualizado a las 14:20 h.

Levamos tanto tempo pendentes do que se ve nos microscopios que semella que se nos esqueceu erguer a mirada e enxergar o horizonte. Por iso me parece tan emocionante o lanzamento do telescopio espacial James Webb, froito da colaboración de máis de 17 países e, pola parte que nos toca, coa implicación da Axencia Espacial Europea.Non semella casual que se escollese para o lanzamento o momento emblemáticodo 25 de decembro, que, ateigado para uns de referencias relixiosas e para outros simplemente cósmicas, achega de seu un significado simbólico ao lanzamento. Astronómico en todas as acepcións, tamén no custe económico que comporta, o telescopio espacial promete lanzar os ollos da humanidade nunha fascinante viaxe no espazo e no tempo que nos permita ver os obxectos máis distantes e, con iso, penetrar nos misterios da formación das primeiras galaxias. Os 29 días seguintes ao seu lanzamento son cruciais, pois a operación de desplegamento que debe realizar é sumamente complexa e calquera mínimo problema podería desbaratar o esforzo de 20 anos e as ilusións colectivas.

Xurxo Mariño, un dos científicos galegos que non descoida a divulgación -o que agora se está dando en chamar transferencia- achegouse á linguaxe desde a neurociencia nunha obra que titulou «Unha mente que voa». Eu, que me movo noutro ámbito, permítome parafrasear o seu fermoso título para convidar a seguir o desplegue e a viaxe do telescopio espacial, porque o saber non sabe de lindes, só de avidez e curiosidade. Ningunha xeración anterior tivo tanto coñecemento do universo, algo que constitúe un enorme privilexio. Son os ollos de toda a Humanidade os que están viaxando na noite do espazo agardando a despregar as pálpebras no intre e o lugar preciso. É difícil imaxinar algo máis poético.