A incerteza e o desacougo son consubstanciais ao ser humano. Cando gozamos de tranquilidade e somos felices, tememos perdelo todo, sabedores de que nada é permanente. A nosa imaxinación é quen de anticipar escenarios apocalípticos e a arte recréase decote facéndoo. O ser humano construíu distopías futuristas climáticas e advertiu do perigo da deshumanización, resultado da intelixencia artificial ou da substitución da nosa humanidade polo ciborg; mais coido que ninguén da nosa xeración imaxinou que se vería envolto nunha situación na que a perspectiva dunha guerra de magnitude mundial sería sequera unha posibilidade. Por iso a situación que estamos a vivir nos resulta absolutamente inagardada e cheira a irreal.
Hai xente que semella proclive a embarcarse nunha guerra antes ca intentar, pola vía que sexa, evitar semellante posibilidade. Se alguén pensaba que as leccións da historia nos puñan a salvo de repetila e confiaba no medo mutuo do equilibrio da Guerra Fría, agora esas certezas esvaéronse coma neve ao sol.
Quizais dentro dun tempo poidamos sentir que os anos de pandemia e o risco inmenso de conflito globalizado en Europa e no mundo ficaron atrás. Mais cómpre non esquecermos que tamén no comezo doutros conflitos moitas persoas cometeron o erro de pensaren que sería cousa de semanas, que era unha loita de alcance limitado, algo que había que deixar pasar. Logo, as consecuencias foron terribles.
Os currículos dos estudantes están ateigados de referencias á educación para a paz. Os mestres repiten decote a idea que a violencia non é o xeito de resolvermos os conflitos. Mais os máis cativos xa saben da tendencia dos adultos á hipocresía e da distancia que media entre os seus discursos e as súas accións. Agardemos que non nos lembren como a xeración que non soubo reaccionar ao desafío climático e os abocou a unha guerra.