Zeitgeist, o espírito do tempo. Ou ese perfume francés, «L’air du temps», que vén sendo o mesmo. «Zeitgeist» é un concepto que invocaba estes días, nas páxinas deste xornal, Adriana Domínguez, filla do coñecido deseñador galego, para apelar a un consumo responsable da roupa. Hai que procurar unha reutilización non sometida á renovación constante das tempadas e poñer en marcha unha reciclaxe industrial responsable. O espírito do noso tempo, cos nuboeiros medioambientais ameazando, non permite outra cousa.
Non deixa de ser abraiante que sexan as propias marcas as que nos invocan a un cambio de modelo. Tan abraiante como ese emprego de termos estranxeiros que acaban adquirindo unhas connotacións propias e diferentes das que transmiten esas palabras no noso idioma, por máis que haxa de partida unha equivalencia. Algo ten o alemán, quizais o pouso de toda a historia da filosofía ou o feito de ter unha aura de lingua máis elitista e menos coñecida entre nós ca o inglés ou o francés, que fai que termos coma «Weltanschauung, Bildungsroman» ou «Volksgeist» se empreguen case coma se non tivesen equivalente, ou como se a cosmovisión, a novela de formación ou o espírito do pobo fosen outra cousa á que o termo alemán engade algo de seu, unha especie de brétema que semella saída do Romanticismo alemán, daquel Sturm und Drang que, traducido, tampouco semella a mesma cousa.
Así que velaí nos deixa flotando Adriana Domínguez o Zeitgeist, no que tamén semella proxectar a súa sombra o «Sein und Zeit» de Heidegger. E, nestes tempos convulsos, caóticos e desordenados, a idea mesma de Espírito do tempo semella desacougante. Probablemente se abra ante nós un cambio de modelo, de estilo de vida e de xeito de pensar sorprendente para unha xeración que aprendeu o concepto de Fin da historia. Agora que sabemos que toda idea de parálise era enganosa cómpre procurar novos termos. A min gustaríame que o fixésemos en galego, para que eses cambios non arrasen co que somos. Xa Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega, dous lucenses cos que temos unha inmensa débeda, traduciron a Heidegger ao noso idioma, Ser e tempo, para o novo espírito dos tempos.