Xusta reprocidade

LUGO

08 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A miúdo son noticias, acontecementos ou debates que acadan unha dimensión global os que nos fan pensar sobre certos temas. O carácter mediático do #metoo, a trascendencia global da caída de Harvey Weinstein, os casos que abrollaron de abusos por parte de Larry Nassar, ou mesmo de xeito institucional os coñecidos casos dentro da igrexa, poñen o foco sobre feridas sociais que cómpre abrir. Pero xustamente porque o abuso, a violación ou o maltrato son dignas de firme condena.

O triste espectáculo mediático arredor do xuízo no que se enfrontaron Amber Heard e Johnny Depp abriu unha fenda na que cómpre mergullarse. Alí onde existe unha forza ou un poder haberá casos de abuso. As estruturas patriarcais puxeron e seguen poñendo as mulleres en posición de debilidade, e por iso existiu o abuso, a violación, a prostitución, a exclusión da muller da educación e do acceso ao discurso público e ás posicións de poder.

Os avances na igualdade, empoderar as mulleres e darlles forza social e apoio legal é un imperativo moral que non pode facerse desde a inxenuidade de pensar que esas novas formas de forza non van resultar en abusos. Precisamente porque non podemos permitir que quen defende a perpetuación da desigualdade se nutra de argumentos, cómpre que sexamos contundentes no castigo daqueles casos que se produzan. Se o maltrato é destrutor e intolerable, unha falsa acusación tamén o é, e por iso cómpre que ambas condutas nos repugnen e que ambas sexan castigadas en xusta reciprocidade.